A Xunta participa no VIII Congreso da Asociación Nacional de Veterinarios de porcino que se celebra na Coruña

A Coruña, 22 de novembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na inauguración do congreso técnico da Asociación Nacional de Veterinarios de Porcino, que este ano se organiza na Coruña pola súa VIII edición. Na súa intervención, destacou que o censo porcino en Galicia incrementouse un 24% no 2022 e puxo en valor a raza autóctona de Porco Celta, que acadou un censo de case 4.200 animais a finais de 2022 en 140 explotacións gandeiras.

O director desta Axencia, que é patrocinadora do congreso a través da estratexia sectorial da carne, resaltou no acto inaugural o valor da Indicación Xeográfica Protexida Lacón Galego á que están adheridas unhas 200 explotacións. Por outra banda, sinalou a importancia das investigacións que se están a levar a cabo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo en relación co desenvolvemento da raza autóctona de Porco Celta xunto coa Asociación de Criadores de la Raza Porcina Celta.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023