O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal participou hoxe en Lugo nas XXXIV xornadas Luis Asorey sobre os soutos de castiñeiros como ecosistemas multifuncionais

A Xunta pon de relevo o programa estratéxico do castiñeiro dentro do seu compromiso co sector da castaña

Na súa intervención, José Luis Chan indicou que o programa define cinco eixos de intervención cun total de 36 actuacións a levar a cabo entre o 2022 e o 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro

Ademais, precisou que se está a desenvolver unha rede de mostraxe de enfermidades e pragas do castiñeiro mediante a cal se estableceu unha rede de pacelas de avisos fitosanitarios nos montes galegos

O director xeral tamén se referiu ao Plan piloto de fomento de xestión conxunta de soutos, un instrumento cuxo obxectivo é a posta en marcha de ferramentas na lexislación e planificación estratéxica do castiñeiro para a recuperación dos soutos
 

Lugo, 22 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou esta tarde nas XXXIV xornadas Luis Asorey sobre os soutos de castiñeiros como ecosistemas multifuncionais, celebradas hoxe en Lugo. Na súa intervención, o director puxo de relevo o compromiso da Xunta co sector da castaña con accións como a elaboración do Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña, que se establece na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”.

O director xeral indicou que o programa ten como obxectivo a recuperación de soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación e a creación de novas superficies de soutos para a produción de castaña e madeira de castiñeiro. Nesta liña, defínense cinco eixos de intervención cun total de 36 actuacións a levar a cabo entre o 2022 e o 2040 para contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro. En concreto, as liñas de actuación céntranse na planificación, seguimento e control da produción de castiñeiro en Galicia; a investigación, transformación e apoio ao sector viveirístico, o desenvolvemento e revitalización de recursos e aproveitamentos; o impulso da comercialización e fomento da calidade da castaña a través da indicación xeográfica protexida (IXP); e a mellora da competitividade e do valor engadido das empresas.

Ademais, a intensificación do desenvolvemento de programas de medidas de control fitosanitario e loita biolóxica é outra das premisas a seguir pola Xunta, indicou José Luis Chan. Neste senso, estase a desenvolver unha rede de mostraxe de enfermidades e pragas do castiñeiro mediante a cal se estableceu unha rede de pacelas de avisos fitosanitarios nos montes galegos. Estas proporcionan información á Administración co fin de avaliar a sanidade das masas forestais de Galicia, diagnosticar as patoloxías encontradas e avisar aos titulares dos montes ou os axentes interesados sobre este feito para que poidan tomar as medidas oportunas.

A rede, precisou o director xeral, está composta por 159 parcelas distribuídas por toda Galicia que cobren todas as especies forestais de interese e, en concreto, 39 son de soutos. Así, as parcelas distribúense nas principais comarcas produtoras de castaña e naquelas zonas con soutos de interese, reflectindo así a situación das distintas comarcas de Galicia. As parcelas avalíanse en distintas épocas do ano co fin de facer un seguimento preciso da sanidade dos soutos e da producións esperada.

Plan piloto de fomento de xestión conxunta de soutos

Por outra banda, José Luis Chan tamén se referiu ao Plan piloto de fomento de xestión conxunta de soutos, un instrumento baseado no marco legal da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia cuxo obxectivo é a posta en marcha de ferramentas na lexislación e planificación estratéxica do castiñeiro que se orienten á recuperación dos soutos por medio da súa xestión conxunta.

Para iso, realizouse unha selección dunha serie de soutos, con masas de castiñeiro con distinto grao de conservación e aproveitamento, que sexan representativas da realidade actual das masas de castiñeiro do territorio galego, explicou o director xeral. Deste xeito, criterios como a selección de concellos prioritarios -clasificados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural- ou o interese de axentes impulsores; así como a adhesión a asociacións de propietarios ou os posibles valores patrimoniais, culturais, etnográficos e naturais que puidese haber nos terreos tiveron relevancia á hora de ser escollidos.

José Luis Chan precisou que actualmente hai sete soutos seleccionados, que reúnen un total de 327,35 hectáreas: catro na provincia de Ourense (o de Tuxe e o de Cambela, no Bolo, con 90,98 e 36,31 hectáreas respectivamente; o de Parada de Sil, no concello homónimo, con 43,83 hectáreas; e o de Prada, na Veiga, con 37,15 hectáreas) e tres en Lugo (o do Vilar, en Folgoso do Courel, con 36,06 hectáreas; o de San Pedro do Incio, no Incio, con 30,56 hectáreas; e o de Paradela, no concello homónimo, de 52,46 hectáreas).

Nesta primeira fase de actuacións estase a ultimar nos traballos iniciais baseados na revisión do parcelario, coa análise previa da coartografía do ámbito do souto e a definición dos seus límites, ademais da elaboración dun primeiro plano parcelario de referencia. Tamén, estanse levando a cabo os estudos previos de investigación da titularidade e realizando a comunicación cos posibles titulares dos terreos, ademais do apoio técnico na posta en marcha das agrupacións de Xestión conxunta e compromisos de adhesión.

Data de actualización: 22/11/2023