A Xunta licita por máis de 2 M€ a mellora do firme na vía de altas prestacións entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro e na LU-533 ao paso polos concellos de Chantada e O Saviñao

As obras, cun prazo de execución de 6 meses, levaranse a cabo nun treito de 13,5 quilómetros da CG-2.1 e en algo máis de 4,4 quilómetros da LU-533, desde o núcleo urbano de Chantada ata Escairón

O prazo de presentación de ofertas a este contrato rematará o 18 de decembro

Prevese adxudicar os traballos a finais do primeiro trimestre de ano para a súa execución entre a primavera e o verán

As intervencións consistirán na rehabilitación mediante o fresado e a reposición do firme, ademais do repintado das marcas viarias

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme na vía de altas prestacións entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro (CG-2.1) e na LU-533, ao paso polos concellos de Chantada e O Saviñao.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, por un investimento de máis de 2 M€, establecendo como prazo para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas ata o vindeiro 18 de decembro.

As actuacións, que disporán dun prazo de execución de 6 meses, levaranse a cabo no tramo de 13,5 quilómetros da CG-2.1, que discorre polo concello de Chantada. Neste caso, actuarase no treito comprendido entre o quilométrico 29+450, intersección coa estrada N-540, ao norte do núcleo urbano de Chantada, ao 42+950, no límite provincia Lugo.

O contrato inclúe tamén a intervención nun treito de algo máis de 4,4 quilómetros da estrada LU-533, no seu percorrido polos concellos de Chantada e O Saviñao. O tramo de actuación comeza no núcleo urbano de Chantada, á altura do quilómetro 1+760 e ata o 6+175, en Escairón.

Nestes tramos das estradas CG-2.1 e LU-533 existen zonas con fisuración provocadas polo desgaste do tráfico, e outras zonas máis deterioradas, cunha perda progresiva do material da calzada. As solucións, segundo o grado de deterioro, inclúen a rehabilitación do firme mediante o fresado localizado e a reposición de 5 centímetros de espesor a carril completo, e a aplicación cun espesor de 3 centímetros no ancho da plataforma e en toda a lonxitude das estradas. Estas actuacións completaranse mediante o pintado da sinalización horizontal.

Estas intervencións completan a mellora do firme xa levadas a cabo no eixe Monforte-Chantada-Lalín na provincia de Lugo, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria. A última delas realizouse no ano 2021 nas estradas CG-2.1, no treito Monforte de Lemos-Escairón, e na LU-533, cun investimento de máis de 1,9 M€.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023