A Xunta aposta por adoptar un papel de liderado para fomentar comunidades enerxéticas e impulsar a transición cara a un modelo descarbonizado

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Ames no acto de apertura dun foro sobre comunidades enerxéticas

Ames (A Coruña), 22 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en Ames nun foro sobre comunidades enerxéticas. Na súa intervención, apostou por que a Xunta adopte un papel de liderado para fomentar tanto a constitución de comunidades enerxéticas como para impulsar a transición cara a un modelo descarbonizado.

Fernández Vila explicou que o Goberno autonómico está apoiando a posta en marcha dunha comunidade enerxética no parque tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas (Ourense), ademais de participar na identificación doutros potenciais proxectos en edificios públicos. Ademais, neste ámbito, a Xunta activou este ano por primeira vez unha liña de axudas para impulsar comunidades enerxéticas que inclúe gastos de asesoramento xurídico e técnico.

Por outra banda, o director xeral expuxo as liñas de traballo que está desenvolvendo a Xunta para avanzar na transición enerxética combinando a posta a disposición da cidadanía das ferramentas precisas para afrontar este cambio -coa tramitación de novos proxectos de hidróxeno verde, fotovoltaica ou eólica- coa concesión de axudas a familias, empresas, entidades e sector público. Así, nestes momentos aínda están abertas as convocatorias de mobilidade eficiente, eficiencia enerxética no sector industrial, ademais de autoconsumo e almacenamento enerxético. Á vez, a Xunta conta co plan de aforro e eficiencia enerxética no sector público que, cun orzamento de 119 M€ pretende conseguir entre 2022 e 2024 un aforro de preto de 40 GWh/ano.

A Administración autonómica aposta por unha transición enerxética gradual que sexa xusta para todos cos retos de manter Galicia como referente no eido das renovables e reverter a percepción social dos proxectos, para o que se está tramitando a nova lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilicen os recursos naturais de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023