Máis de 1.300 desempregados están a formarse en empresas a través de unidades formativas financiadas pola Xunta con compromiso de contratación

O Diario Oficial de Galicia publicita a resolución da convocatoria anual á que a Administración autonómica destina case 2,5 millóns de euros

Empresas de calquera forma xurídica ou titulares de centros de formación profesional para o emprego son as encargadas de desenvolver os programas

O Goberno galego fixa un compromiso de contratación de polo menos o 60% do alumnado por un mínimo de 6 meses, ou do 40% de se tratar de 12 meses ou máis
 

Santiago de Compostela 22 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se dá publicidade ás axudas concecidas no marco da orde coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financia unidades formativas en empresas nas que toman parte máis de 1.300 persoas desempregadas, cun compromiso de contratación do 40% ou o 60% en función da duración da inserción. 

A Xunta de Galicia destina a esta convocatoria anual de 2023 case 2,5 millóns de euros, que beneficiaron o desenvolvemento destas accións en 11 empresas de ámbitos dispares como o metalmecánico, a automoción ou as industrias alimentarias.

Un total de 1.352 persoas traballadoras desempregadas están a participar así nas 92 accións formativas programadas.

Grazas a estes programas, a Administración autonómica cualifica profesionalmente a persoas traballadoras desempregadas para que adquiran e melloren as súas competencias. Con estas accións, a empresa atende necesidades de persoal máis inmediatas, que poden vir determinadas pola ampliación da súa actividade ou pola apertura de novas liñas de negocio.

As entidades beneficiarias son empresas de calquera forma xurídica, agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta e aquelas que sexan entidades con centros de formación inscritos no ámbito laboral.

As unidades formativas inclúen un compromiso de contratación de polo menos o 60% das persoas formadas -no caso de que resulten incorporadas durante 6 meses- e do 40%, de se tratar de insercións de 12 ou máis mensualidades. 

Para accederen as accións formativas obxecto de financiamento, as persoas interesadas deben estar inscritas como demandantes no Servizo de Emprego de Galicia e na data de incorporarse á oferta, a súa situación laboral debe reflectir esa non ocupación.

A Xunta de Galicia quere brindar máis e mellores oportunidades ás galegas e galegos e de poder adaptar a súa formación aos perfís que demanda o tecido produtivo.

A nova orde anual flexibilizou nesta edición os trámites para que a concesión de achegas se realice de xeito áxil e coa idea de que se poidan celebrar accións durante todo o ano.

O Goberno galego está a promover con esta iniciativa a mellora da empregabilidade da cidadanía e a contribuír a adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado para dar cobertura ás vacantes existentes en diferentes actividades.

O programa insírese no Plan galego de formación para o emprego, dotado este 2023 con máis de 125 millóns de euros, para seguir a impulsar unha formación dual e flexible, axustada ás tendencias dun mercado dinámico e competitivo.   

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023