O conselleiro do Medio Rural e o secretario xeral técnico fixeron entrega esta mañá deste material ao persoal da Consellería

Medio Rural destinou preto de 10 M€ nos últimos tres anos para renovar o parque móbil da Consellería, con 427 novos vehículos

O conselleiro do Medio Rural destacou que estas partidas son unha mostra máis do compromiso do goberno galego a prol da dotación de medios do persoal, ao mesmo tempo que se sigue avanzando na optimización do servizo prestado aos galegos

A entrega de hoxe supón un investimento de 720.000 euros nunha vintena de automóbiles, financiados en parte cunha axuda de 100.000 euros do Instituto Enerxético de Galicia

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, entregou hoxe na Cidade da Cultura vinte novos vehículos que seguirán mellorando a dotación de medios do persoal da Consellería, co fin último de avanzar na optimización do servizo que se lle presta aos galegos.

Nos últimos tres anos, a Consellería do Medio Rural realizou un investimento de case 10 millóns de euros para a compra ou o aluguer dun global de 427 vehículos destinados ao persoal dos diferentes servizos da mesma.

Hoxe, o conselleiro entregou 20 vehículos híbridos que se repartirán entre as catro provincias galegas, cun orzamento total de 720.000 euros. As provincias da Coruña e Lugo contarán cada unha con seis destes novos vehículos, mentres que as de Ourense e Pontevedra recibirán, cadansúa, catro. Neste caso, o obxectivo é atender principalmente as necesidades do persoal de oficinais rurais e oficinas agrarias, ademais das xefaturas territoriais.

Os vehículos entregados esta mañá son todos híbridos e a súa adquisición foi financiada cunha axuda de 100.000 euros -5.000 por cada vehículo- outorgada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no marco do Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica.

Renovación do parque móbil

O titular do Medio Rural destacou hoxe o traballo feito ao longo dos últimos tres anos para mellorar o parque móbil da Consellería e que, lembrou, seguirá o vindeiro ano con investimentos, por exemplo, para seguir renovando os vehículos todoterreo do Servizo de Prevención e Extinción dos Incendios Forestais (SPIF).

Polo que respecta ao balance dos últimos tres anos, no 2021 destináronse preto de 2 millóns de euros para a renovación de vehículos das oficinas agrarias, adquirindo 120 novos.

En novembro do ano pasado entregáronse outros 89 vehículos todoterreo para o parque móbil do departamento forestal, cun investimento de 3,5 millóns de euros.

E neste ano, os 20 vehículos de hoxe súmanse a un total de 61 novos todoterreos destinados aos axentes ambientais, entregados en xaneiro e xullo cun investimento de 2,7 millóns; ao que se suma outro millón destinado á subministración, mediante aluguer na modalidade de renting, doutros 137 vehículos tipo pick-up para as brigadas de seis meses.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023