A Xunta colabora no deseño dunha Estratexia europea que impulse o turismo sostible no horizonte 2030

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa en Florencia no encontro de NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo competitivo

Como rexión membro do comité de dirección desta rede, Galicia pon en común ante as máis de 20 autoridades turísticas rexionais exemplos de boas prácticas galegas

A aposta polo desenvolvemento no rural ou a xestión dos fondos europeos para levar acabo accións que cohesionen o territorio son algunhas das cuestións tratadas

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia comparte estes días a súa experiencia en accións de sustentabilidade turística con máis dunha vintena de autoridades turísticas rexionais europeas diferentes no marco da reunión do comité de dirección de NECSTouR, a Rede de Rexións Europeas para un turismo e sustentable e competitivo que se celebra esta semana na cidade italiana de Florencia.

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, pon en común hoxe algunhas das accións levadas a cabo en Galicia para afondar na sustentabilidade coa intención de sentar as bases para unha estratexia europea común. Refírese, entre algunhas cuestións, ao modelo galego centrado na diversificación e desestacionalización, o impulso ao desenvolvemento turístico rural ou á xestión dos fondos europeos para impulsar axudas e acción de cohesión en destino dirixidas a sectores e entidades locais así como plans de sustentabilidade turística en distintos concellos.

Recorda tamén que se está a traballar na posta en marcha da nova Estratexia do Turismo de Galicia 2024-2030 que terá a sustentabilidade entre os seus eixos centrais.

Estas boas prácticas formarán parte dunha estratexia común dos socios da rede NECSTour para buscar solucións comúns a desafíos actuais e establecer alianzas estratéxicas con institucións turísticas europeas. Ademais, como membro do comité de dirección de NECSTour, Galicia abordará co resto de socios a planificación prevista para os vindeiros anos para buscar sinerxías nas rexións da Unión Europea e unha estratexia común que afonde na sustentabilidade dos destinos.

Sinerxías territoriais

NECSTouR ten entre os seus obxectivos promover o intercambio de experiencias e o deseño de programas conxuntos para impulsar o desenvolvemento sustentable, a creación de sinerxías entre distintos territorios e a aplicación de boas prácticas no sector. Con sede en Bruxelas, desenvolve proxectos interrexionais e fomenta a cooperación para permitir a gobernanza do turismo sostible en Europa. Desde a súa posta en marcha, estase a consolidar como unha eficaz ferramenta para asesorar ás autoridades comunitarias e buscar socios noutras rexións.

Como rede de 45 autoridades turísticas rexionais europeas e 35 membros asociados (universidades, institutos de investigación, representantes de empresas turísticas e asociacións de turismo sostible), traballa de maneira proactiva e en asociación para abordar os desafíos identificando, capturando e compartindo solucións de mellores prácticas. NECSTouR axuda aos destinos a lograr un enfoque máis intelixente e sostible para o desenvolvemento turístico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/11/2023