Trenor anuncia un investimento de máis de 557.000 euros para a renovación da cuberta e das vivendas afectadas polas filtracións na rúa Ribeira Sacra 15-21

A obra licitarase en breve e ten un prazo de execución de seis meses
 

A Coruña, 21 de novembro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reunise esta tarde cos representantes da asociación de veciños de Novo Mesoiro e dos propietarios das vivendas da rúa Ribeira Sacra 15-21 para anunciar que a Xunta licitará en breve unha actuación de renovación integral da cuberta deste edificio de promoción pública por un importe de máis de 557.000 euros.

Trenor destacou que esta actuación responde a unha demanda dos veciños e permitirá solucionar os problemas de humidades deste edificio ademais de mellorar a súa confortabilidade e eficiencia enerxética.

O delegado da Xunta explicou que a actuación recolle o desmonte da cuberta actual, a colocación de lámina impermeable transitable para posteriormente instalar unha estrutura de fixación de aceiro galvanizado e panel sándwich galvanizado. A actuación complétase co cerramento de casetóns e chemineas e a reparación do interior das vivendas afectadas polas filtracións das vivendas.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico o prazo estimado de execución dos traballos será de seis meses.

Trenor destacou que este tipo de actuacións sonfundamentais para a cidadanía. Por iso, puxo en valor que esta iniciativa se inscribe no “grande esforzo” que fai cada ano o Goberno galego en promover novas vivendas protexidas e en rehabilitar inmobles destinados a alugueiro social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023