A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o conselleiro do Mar participaron nun encontro cos concellos da Mariña lucense

Galicia defenderá ante o Tribunal Constitucional que ten competencias plenas para ordenar o seu litoral

A Xunta velará polos intereses das empresas e cidadáns con instalacións na liña de costa fronte a un Goberno central que obviou cuestións do informe do Consello de Estado que chocaban co seu obxectivo de eliminar todo vestixio humano do litoral

Ángeles Vázquez asegura que o recurso contra a lei galega é máis político que xurídico e lamenta o escurantismo co que actuou o Executivo estatal para furtar o dereito da comunidade a defenderse ao dar pouco tempo para presentar alegacións

O Executivo galego lembra que o Estado pretende exixir á comunidade unha modificación do estatuto para o traspaso dos medios persoais e materiais de xestión do litoral, algo que non exixe ao País Vasco malia que os seus estatutos son idénticos

Alfonso Villares ve no recurso do Estado un agravio comparativo máis en contra de Galicia que se engade á negativa a baixar o IVE dos produtos do mar ou a que siga sen desbloquear o ansiado Perte para a industria transformadora

Lugo, 21 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia está a traballar intensamente na preparación das alegacións ao recurso de inconstitucionalidade presentado polo Goberno central contra a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia co obxectivo de clarificar que a Comunidade é plenamente competente para ordenar o seu territorio, incluído o costeiro, e defender a validez da normativa autonómica.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantiveron un encontro con alcaldes e representantes municipais da Mariña lucense no que analizaron a estratexia galega para facer fronte ao recurso estatal contra a norma autonómica.

Os representantes da Xunta lembraron que o ditame do Consello Consultivo de Galicia avala a potestade da comunidade para lexislar neste eido e incidiron en que o informe do Consello de Estado, no que se basea o recurso de inconstitucionalidade, recoñece que pode haber instalacións do complexo mar-industria en terreos de dominio público marítimo-terrestre, en contra do alegado en todo momento polo Goberno central.

Ese ditame tamén avala o obxectivo da regulación autonómica dos usos posibles no litoral para harmonizar os intereses da economía coa protección do medio ambiente. Por iso, Ángeles Vázquez lamentou que o Executivo estatal obviou aquelas cuestións do informe do Consello de Estado que chocaban co seu obxectivo de eliminar todo vestixio humano do litoral. “Este recurso ten moito de político e moi pouco de xurídico”, aseverou a vicepresidenta segunda.

Nesta liña, asegurou que Galicia vai defender en todas as instancias os intereses tanto das empresas como das entidades e cidadáns que teñen instalacións asentadas na liña de costa -para darlles seguridade xurídica- e que o Goberno central pretende sacar da súa localización actual sen ningún motivo que o xustifique.

A vicepresidenta segunda lamentou que o recurso do Executivo estatal contra a norma galega é totalmente arbitrario, como demostra o feito de que a Galicia se lle pretenda exixir unha reforma do Estatuto de Autonomía para ceder os medios persoais e materiais para a xestión do litoral mentres que ao País Vasco -froito do acordo de investidura entre o PSOE e o PNV- llos vai entregar sen esa modificación, malia que os estatutos das dúas comunidades son idénticos.  

A maiores, Ángeles Vázquez criticou o escurantismo co que actuou o Goberno central, que desbotou a posibilidade de celebrar unha comisión bilateral para resolver as discrepancias entre as dúas administracións sobre a lei e apostou directamente por recorrer ao Tribunal Constitucional.

Ese xeito de proceder limita as posibilidades de defensa de Galicia pois só conta cun prazo de 23 días hábiles para presentar as súas alegacións ao recurso, unha vez superados atrancos como o descoñecemento dos argumentos recollidos polo ditame do Consello de Estado no que se basea o recurso.  

Prexuízos pola parálise

Este recurso, lembraron os representantes do Executivo galego, supón un gran prexuízo tanto para o tecido produtivo do litoral como para os concellos ao quedar paralizadas todas as solicitudes recibidas desde a aprobación da lei para poñer en marcha servizos básicos e esenciais no dominio público marítimo-terrestre. Esa parálise, ademais de deixar aos municipios sumidos na incerteza, tamén supón unha paulatina perda de oportunidades de desenvolvemento.

Nesa liña, Ángeles Vázquez contrapuxo a regulación do litoral desde unha perspectiva integrada -social, económica e ambiental- pola que aposta a Xunta coa estratexia que está a desenvolver o Goberno central para eliminar calquera tipo de presenza humana e económica da costa. 

O conselleiro do Mar, pola súa banda, reiterou que “non ten pés nin cabeza” que se lle entregue a outras comunidades o que se lle nega a Galicia, producíndose un novo agravio comparativo para a comunidade autónoma e os sectores produtivos galegos.  

Esta nova afronta, asegurou Alfonso Villares, engádese a feitos inexplicables como que o Goberno central insista en lastrar o consumo dos produtos da pesca, a acuicultura ou a conserva ao negarse a baixarlles o IVE ou que siga enganando ao conxunto da cadea mar-industria pois, malia as promesas, segue sen acceder ás axudas de recuperación establecidas nos Perte e que si teñen dispoñibles outras actividades estratéxicas.

Preservar o futuro

O titular de Mar sinalou que semella que a intención do recentemente investido presidente do Goberno é evitar que Galicia defenda os seus sectores produtivos esenciais, como é o marítimo-pesqueiro, fronte a axentes económicos foráneos que poden pretender explotar a súa costa. A norma galega, dixo, sitúa ás xentes do mar como esenciais e busca o equilibrio entre o respecto ambiental, a economía e a sociedade co fin preservar o futuro das comunidades costeiras evitando que os seus habitantes se convertan en cidadáns de segunda. 

Alfonso Villares incidiu en que a lei galega se tramitou co máximo consenso e foi aprobada sen ningún voto en contra no Parlamento. O rigor xurídico co que se elaborou, engadiu, foi máximo, polo que instou ao Executivo central a dar un paso atrás, retirar o seu recurso e permitir que sexa Galicia quen pilote o desenvolvemento sostible do seu territorio costeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023