Arias felicita ao cámping ribadense Rinlo Costa tras ser premiado entre os mellores de España

O delegado territorial da Xunta agradece o traballo que fan os profesionais do turismo para converter os “recursos únicos” da Mariña en elementos diferenciais dentro da oferta galega

Ribadeo (Lugo), 21 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, felicitou hoxe ao cámping ribadense Rinlo Costa tras ser premiado como o mellor de España na categoría de entorno natural conxuntamente co de Amaído, en San Tirso de Abres.

Arias visitou o establecemento, ao que puxo como exemplo “do gran traballo que fan os profesionais do turismo para poñer en valor os recursos únicos cos que conta A Mariña e convertelos nun elemento diferencial dentro da oferta galega”. Tamén gabou o seu compromiso co turismo “sostible e responsable, compatible coa protección do entorno”.

O premio foi entregado na IV Gala de Cámpings de España 2023, que acaba de celebrarse en Madrid organizada pola Federación Española de Campings (FEEC), coa asistencia de máis de 200 representantes e profesionais do sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023