A directora xeral de Patrimonio Natural tivo hoxe unha videoconferencia con técnicos estatais da Dirección Xeral de Dereitos dos Animais para abordar as dúbidas da norma

Galicia reclama ao Estado que revise as sancións da nova Lei de benestar animal por desproporcionadas e para harmonizalas co resto da normativa sectorial

Belén do Campo avisa de que coa norma estatal ter un animal de compañía sen microchip se persegue con 10.000 € mentres que a multa por non contar coa licencia preceptiva para a tenza dun can potencialmente perigoso mantense en 2.400 €

Desde a aprobación da normativa, a Xunta recibiu moitas consultas e queixas sobre a aplicación por parte de cidadáns, entidades, concellos, veterinarios e criadores

A directora aproveita esta primeira toma de contacto para insistir na necesidade de que todas aquelas cuestións que o Goberno central deixa en mans das comunidades autónomas, queden expresamente recollidas no texto da propia lei estatal
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

Galicia reclama ao Estado que revise e modifique canto antes o réxime sancionador recollido na nova Lei estatal de protección dos dereitos e o benestar dos animas, que entrou en vigor o pasado 29 de setembro e está a suscitar numerosas dúbidas, queixas e consultas na Comunidade relacionadas co seu alcance e a súa aplicación práctica.

Así llo trasladou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aos técnicos do departamento de Dereitos do Animais do Estado cos que mantivo unha videoconferencia bilateral para tentar clarificar determinados aspectos da norma sobre os que a Xunta xa amosara a súa preocupación por escrito nas últimas semanas, solicitando a tal fin unha reunión para poder abordar o contido da norma.

Desde o punto de vista administrativo, do Campo explicou que unha das principais preocupacións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda son as novas sancións fixadas na lei estatal xa que nalgúns casos as contías establecidas son “desproporcionadas” e pouco acordes cos importes establecidos no resto do marco normativo sectorial vixente.

A modo de exemplo, indicou que a sanción por ter un animal de compañía sen microchip é unha infracción grave, perseguida con 10.000 euros, mentres que polo mesmo motivo a lexislación sectorial galega establece unha multa de 500 euros. Ademais, tamén lembrou que o marco normativo que regula en España a tenza de animais potencialmente perigosos considera “moi grave” ser propietario dun can deste tipo sen contar coa preceptiva licencia, fixando unha sanción económica de 2.400 euros.

Polo exposto, do Campo insistiu na importancia de “harmonizar” o réxime sancionador ao resto da normativa estatal e autonómica vixente, modulando os importes dos diferentes tipos de infraccións de forma que sexan “acordes e proporcionais” aos propios feitos que se perseguen.

Tras indicar que nas últimas semanas o seu departamento recibiu numerosas chamadas e consultas por escrito sobre a nova lei, a directora xeral aproveitou tamén a reunión para expoñer algúns dos aspectos que máis preocupan en Galicia a particulares con mascotas, entidades protectoras, concellos, veterinarios e criadores, entre outros colectivos afectados polos cambios.

Neste sentido, explicou que a maioría das consultas recibidas están relacionadas coa incineración das mascotas e a posibilidade de enterrar os seus restos, a identificación inicial dos animais de compañía e o procedemento para comunicar unha baixa, a obrigatoriedade do seguro de responsabilidade civil ou a falta de concreción con relación ás especies exóticas ata a aprobación definitiva da listaxe correspondente.

Club de Raza Can de Palleiro

Así mesmo, Belén do Campo tamén se referiu á inquedanza coa que foi recibida a norma estatal por parte de determinados colectivos e entidades. En concreto, mencionou o caso do Club de Raza Can de Palleiro, que na asemblea celebrada a pasada fin de semana e na que a directora participou como convidada, expuxo a súa preocupación polas posibles implicacións da lei no futuro desta raza autóctona.

Ao respecto, expuxo que as novas obrigas relativas á inscrición no rexistro de criadores e de animais reprodutores (tamén no caso de cría non comercial e puntual) poderían ter un impacto negativo na evolución dos exemplares de can de palleiro, unha raza considerada en perigo de extinción e que segundo lle trasladou a propia entidade, experimentou nos últimos meses unha tendencia descendente en canto a número de camadas e de nacementos, que temen que se agrave polas incertezas da nova lei.

Os técnicos estatais, en todo caso, amosaron a súa disposición a fixar “excepcións” a determinadas obrigas no caso das razas autóctonas e, de feito, indicaron que xa se están a manter contactos a nivel nacional con este sector, ao tempo que se comprometeron a convocar novas reunións de traballo para aclarar e resolver as dúbidas expostas desde a Xunta.

Pola súa parte, a directora xeral agradeceu a disposición a estudar posibles excepcións pero aproveitou esta primeira toma de contacto para insistir na necesidade de que todas aquelas cuestións da Lei de benestar que o Estado pretende deixar ao criterio das comunidades e dos seus respectivos marcos normativos, queden expresamente recollidas no texto da propia norma estatal para evitar inseguridade xurídica.

Nesta mesma liña, Belén do Campo pediu expresamente que se lle trasladara ao novo ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 a “necesidade e urxencia” de modificar o texto da lei co fin de corrixir os erros, eivas e mesmo contradicións detectados na mesma, un proceso que, segundo dixo, “debería abordarse en paralelo” ao seu desenvolvemento regulamentario, imprescindible para poder levar á práctica moitos dos seus preceptos e novidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023