Reguera destaca a importancia da colaboración cos profesionais do sector de cara á estratexia de turismo de Galicia 2023-2024

O delegado inaugurou esta mañá o Encontro Terras de Pontevedra-O Morrazo, unha das 5 mesas de traballo territorializadas que se levarán a cabo na provincia

A Xunta móstrase moi optimista canto ao futuro do sector turístico en Galicia

Pontevedra, 21 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, inaugurou esta mañá o Encontro Terras de Pontevedra - O Morrazo, que tivo lugar no edificio administrativo da Deputación de Pontevedra.

O encontro fai parte dunha serie de mesas de traballo territorializadas que Turismo de Galicia está a manter cos representantes do sector turístico de toda Galicia e cos concellos para coñecer de primeira man as necesidades, inquietudes e oportunidades que ten o sector de cara á elaboración da futura Estratexia de Turismo de Galicia para o horizonte 2024-2030. 

Neste sentido dende principios de outubro ata finais deste mes organizaranse un total de 20 mesas de traballo deste tipo en toda Galicia, das cales 5 terán lugar na Provincia de Pontevedra, e coas que se está a realizar a fase de diagnose.

O delegado territorial aproveitou a súa intervención para lembrar a importancia de contar coas ideas e opinións dos profesionais do sector de cara a elaborar unha estratexia a medio prazo que “potencie todas as virtudes que ten Galicia como destino turístico e que de resposta ás ambicións e esperanzas que todos tedes para os próximos anos”.

Agustín Reguera destacou ademais o optimismo da Xunta de Galicia e salientou que “todo parece indicar que Galicia será un destino atractivo durante moitos anos. Cada vez máis, os viaxantes escapan de lugares moi cálidos e a nosa cultura, gastronomía e paisaxe están cada vez mellor valoradas, grazas ao traballo que todos vos realizastes nas últimas décadas e á aposta do goberno autonómico por un turismo de calidade”.

Cuestionario online

De xeito parello a estas mesas de traballo, e para dar cabida a todos os profesionais do sector turístico e persoas interesadas, a información recollida nos encontros completarase coa que se vai a recompilar a través dun cuestionario online no que se recollen a visión e suxestións ao que se pode acceder en na web diagnoseturismo.gal, onde tamén está o calendario das mesas de traballo.

Para elaborar esta nova estratexia de turismo contará co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia. O Goberno autonómico continúa así planificando o seu modelo turístico a través dunha folla de ruta na que a sostibilidade e a dixitalización terán especial protagonismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023