A Xunta recibe nove ofertas para redactar o proxecto da nova estación de tratamento de augas residuais de Outeiro de Rei cun investimento autonómico de 242.000 €

Trátase de substituír a actual depuradora, con máis de 20 anos e moitos dos elementos obsoletos e infradimensionados, e de procurar a neutralidade enerxética, tendo en conta o crecemento da poboación, que desde 2009 medrou un 7,5 %

Mediante este contrato definiranse as actuacións para construír unha nova depuradora nunha localización máis axeitada e actuar sobre a rede para evitar que as augas limpas, de chuvia ou do río, que chegan a actual depuradora acaden a planta de tratamento

O obxectivo da entidade hidráulica da Xunta é ter redactado o proxecto construtivo a finais do ano que vén e, unha vez sexa supervisado e aprobado, poder iniciar a contratación das obras

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 9 ofertas de empresas para a redacción do proxecto da nova depuradora de Outeiro de Rei, cuxos traballos suporán un investimento autonómico de 242.000 euros.

 

O obxectivo do contrato é impulsar o deseño dunha nova planta de tratamento de augas residuais e acadar a súa neutralidade enerxética.

 

As previsións da Xunta son que o proxecto construtivo, que conta cun prazo de execución de 10 meses, estea redactado a finais do ano que vén e, unha vez sexa supervisado polos técnicos de Augas de Galicia e aprobado, poder iniciar a contratación das obras da nova depuradora.

 

Antecedentes e obxecto do contrato

A actual depuradora está situada preto da área recreativa de Santa Isabel, nunha zona próxima aos ríos Miño e Ladra, polo que é frecuente que sufra inundacións, chegando o nivel da auga a superar a cota do recheo existente. Tamén hai infiltracións de auga que fan que os caudais que chegan á planta para tratar sexan moi superiores aos que deberían, creando ineficiencias e un incremento no custo de depuración.

 

A actual depuradora está obsoleta, en canto á tecnoloxía, e infradimensionada, tendo en conta o gran crecemento de poboación que experimentou o municipio nos últimos anos. Desde 2009, medrou un 7,5 %, rexistrando preto de 400 habitantes máis censados.

 

Para dar solución a estas problemáticas, Augas de Galicia realizou primeiro un estudo de alternativas para avaliar a mellora ou o cambio de lugar da depuradora. Este estudo, determinou a idoneidade de construír unha nova depuradora e actuar sobre a rede para evitar que as augas limpas, de chuvia ou do río que actualmente chegan á depuradora acaden a planta de tratamento.

 

Deste xeito, o adxudicatario deste contrato deberá redactar o proxecto da nova depuradora, para a que se propón como localización máis axeitada unha parcela identificada polo Concello, anexa á prevista inicialmente cara ao leste e con acceso directo dunha estrada local, o que obrigará a modificar o trazado dos colectores que converxen na actual planta de tratamento.  

 

Con esta actuación garantirase unha axeitada xestión e tratamento das augas residuais do municipio, permitindo este contrato o desenvolvemento polo miúdo das actuacións que será preciso levar a cabo e tamén o mellor modo para desenvolver esas intervencións, xunto cos trámites e permisos que serán necesarios.

 

Este novo proxecto para a mellora dos servizos municipais da auga enmárcase no apoio da Xunta ao Concello de Outeiro de Rei no mellor desenvolvemento das súas competencias municipais de cara a ofrecer servizos de saneamento e de depuración máis eficientes aos veciños.

 
Data de actualización: 21/11/2023