A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co alcalde para abordar o desenvolvemento de solo empresarial no municipio

A Xunta licitará este ano o instrumento de ordenación que permitirá impulsar o parque empresarial de Fragamoreira, en Poio

O Goberno galego destinará nos orzamentos do próximo ano máis de 40 M€ a executar actuacións en 22 parques empresariais, 6 deles na provincia de Pontevedra

Poio (Pontevedra), 21 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia licitará antes de que remate o ano a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Fragamoreira, un instrumento de ordenación que permitirá definir e planificar a creación desta área industrial do concello de Poio, tal e como avanzou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a reunión que mantivo co alcalde da localidade, Ángel Moldes.

Neste sentido, a vicepresidenta explicou que o futuro polígono está previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg), impulsada polo Goberno galego. Cómpre lembrar que o PEOSE é un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións.

Segundo indicou a vicepresidenta segunda, o polígono industrial proxectado no municipio pontevedrés disporá dunha superficie bruta de preto de 390.000 metros cadrados, dos que o 20% xa foi adquirido por Xestur por máis de 2,5 M€.

Así mesmo, Ángeles Vázquez puxo en valor tanto a planificación como o esforzo investidor que fai cada ano o Goberno galego en materia de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación de bonificacións dun 30% ou dun 50% —dependendo da localización dos parques— sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade.

Esta aposta da Xunta, plasmarase nos orzamentos para o vindeiro exercicio en máis de 40 millóns de euros para executar actuacións en 22 parques galegos. No caso da provincia de Pontevedra, concretamente, está previsto actuar sobre os polígonos de Pontecesures, Lalín, A Estrada, Mos, Ponte Caldelas así como na Plisan, localizada nos concellos de Salvaterra de Miño e As Neves.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023