A Xunta pon en valor en León a futura Lei de Promoción dos Beneficios Sociais e Económicos de Proxectos que utilicen os recursos naturais

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na XIX Reunión Anual do Consello Superior de Enxeñeiros de Minas de España con directores xerais de Industria, Enerxía e Minas

León, 21 de novembro de 2023

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá en León na XIX Reunión Anual do Consello Superior de Enxeñeiros de Minas de España con directores xerais de Industria, Enerxía e Minas.

No encontro, o director xeral repasou os avances realizados por Galicia nos últimos meses no eido mineiro e avanzou as próximas iniciativas que se levarán a cabo, entre as que puxo en valor a futura lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilicen os recursos naturais de Galicia, como os procedentes da minería. Neste sentido, tamén se referiu á sociedade público-privada Recursos Galicia na que a Xunta contará cun 30% do capital para participar, entre outros, en proxectos mineiros que garantan un beneficio para o territorio.

Fernández Vila tamén subliñou o importante papel da Axenda de Impulso da Minería Sustentable de Galicia 2030 como folla de ruta para avanzar no fortalecemento  da industria mineira. Así, citou as últimas iniciativas adoptadas como a oficina para a captación, coordinación e seguimento de fondos europeos para proxectos desta industria; a elaboración dun inventario de recursos naturais dispoñibles en Galicia a través da Materioteca; ou o uso da Compra Pública de Innovación a través dun período de consultas para poñer en marcha futuras licitacións adaptadas aos retos identificados no eido mineiro como a posta en valor dos recurso xeolóxicos- mineiros, a transición cara a un novo modelo de interrelación entre a Administración e o sector ou a mellora da sustentabilidade sectorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023