A Xunta aproba máis de 140.000 euros en axudas para realizar distintas accións na área de influencia do Parque Nacional das Illas Atlánticas

A resolución das achegas, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, supón apoiar 18 proxectos que inclúen actividades como a recollida de lixo mariño na illa de Cortegada, a realización de actuacións para coñecemento e control das especies do parque, a divulgación do seu patrimonio ou a rehabilitación de distintos inmobles, entre outras

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu as axudas de 2023 para proxectos na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia por importe de máis de 140.000 euros. A resolución coas 18 iniciativas aprobadas a empresas, persoas físicas e institucións sen fins de lucro sae publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e supón a utilización da práctica totalidade do orzamento posto a disposición na convocatoria deste ano.

As achegas, que poden cubrir ata o 100% do investimento subvencionable, buscan promover o desenvolvemento sustentable das poboacións asociadas ao parque e apoian accións de conservación ou restauración do patrimonio da zona, a eliminación de impactos sobre os valores naturais ou culturais do parque, actuacións dirixidas a garantir a compatibilidade das actividades e dos usos tradicionais da zona, a posta en marcha de actividades económicas relacionadas con este espazo protexido e accións orientadas á divulgación e formación nos valores deste espazo natural. 

A resolución publicada no DOG inclúe seis proxectos promovidos por empresas para a realización de distintas actividades como o control de especies alóctonas na illa de Sálvora, a realización dun vídeo divulgativo sobre a gaivota de patas amarelas no parque, a divulgación do arquipélago de Cortegada, a posta en valor do sector da conserva ou actividades lúdicas para dar a coñecer o parque, entre outras.

Entre as achegas aprobadas a persoas físicas atópanse varias para a rehabilitación de distintos inmobles así como unha para o proxecto O cine doméstico nas illas atlánticas: Patrimonio en risco de extinción e outra para a iniciativa Recopilación histórica da vila de colonización da Illa de Ons. Aspectos culturais, naturais e arquitectónicos. 

As iniciativas aprobadas a institucións sen fins de lucro céntranse na recollida de lixo mariño e realización de obras artísticas na illa de Cortegada, a formación e capacitación adaptada de persoas con discapacidade como axentes medioambientais, a sensibilización da cidadanía en relación co cambio climático ou a realización de accións de voluntariado e difusión das características do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Precisamente, o DOG tamén publicou onte unha orde pola que se amplía nun mes o prazo que teñen as entidades beneficiarias destas axudas para executar e xustificar as actividades propostas, o que facilitará o seu labor ao estenderse o período de xustificación ata o vindeiro 30 de decembro.    

Data de actualización: 21/11/2023