Román Rodríguez anuncia que este curso haberá accións especializadas de mellora educativa nos ámbitos da innovación e a inclusión en 740 centros

O representante do Goberno galego avanza que o seu departamento destina 2,2 M€ para que este ano a iniciativa chegue a un 25% máis de colexios e institutos
 

O obxectivo desta medida que leva 12 anos en funcionamento é impulsar o éxito escolar, a convivencia, a tolerancia ou a igualdade, entre outros
 

“Estas accións encádranse no compromiso da Xunta de Galicia para asegurar os estándares de calidade do noso sistema educativo”, salienta o conselleiro
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2023

Un total de 740 colexios e institutos participarán este curso en accións especializadas de mellora educativa nos ámbitos da innovación e a inclusión. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, no Encontro Contratos-Programa celebrado no Edificio Fontán coa asistencia de equipos directivos de case 400 centros educativos.   

O representante do Goberno galego avanzou que esta cifra, un 25% máis que a rexistrada no curso anterior, é froito do investimento de 2,2M€ feito polo seu departamento co obxectivo de “impulsar o éxito escolar, a convivencia, a tolerancia ou a igualdade”. “Os Contrato-Programa son un instrumento de apoio fundamental para avanzar no éxito escolar e acadar a excelencia do noso sistema educativo”, apuntou Román Rodríguez. Neste senso, engadiu que o seu desenvolvemento encádrase no compromiso da Xunta de Galicia “para asegurar os estándares de calidade”.

“O impacto desta iniciativa non se reduce ao que pasa dentro das aulas, senón que beneficia a toda a comunidade ao fomentar unha maior especialización da aprendizaxe que dá prioridade a investigación, a experimentación e a innovación”, afirmou o conselleiro, que se referiu a este proxecto como “un modelo de éxito” que ofrece tamén unha maior autonomía para que sexan os propios centros quen desenvolvan as accións e programas que mellor encaixen coa súa situación.

Acordo entre a Xunta e os centros

Os Contratos-Programa, cuxa resolución publícase hoxe no Portal Educativo, son un acordo anual entre a Consellería e os centros para implantar plans específicos de mellora nas aulas e para impulsar accións estratéxicas a través de dúas grandes liñas que son a innovación (CP Innova) e a inclusión (CP Inclúe). En ambas liñas, os centros, dentro da súa autonomía, elaboran un plan para a mellora do éxito educativo para cada un dos ámbitos, para o cal contan co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Para iso, pártese dunha análise das necesidades de cada centro e a súa realidade e, en consonancia co seu proxecto educativo, establécense uns obxectivos concretos, os recursos necesarios e as responsabilidades e obrigas das partes asinantes.  

Inclúe 

Na primeira liña de actuación dos Contratos-Programa, denominada Inclúe, participan un total de 666 centros educativos, 134 máis con respecto ao pasado curso.  Está dividida en cinco modalidades que son: Quéda-T, Iguála-T, Convive-T, Inclúe-T e Emocióna-T e que promoven a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a inclusión, a redución das taxas de abandono escolar temperán, o desenvolvemento da competencia emocional e, en xeral, a mellora do clima escolar de toda a comunidade educativa.

 Así pois, Quéda-T ten como finalidade a prevención do abandono temperán e do absentismo escolar e Iguála-T favorece a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención e o tratamento das violencias machistas, así como a promoción do respecto pola diversidade afectivo-sexual e de xénero. Convive-T céntrase nas medidas que favorezan o clima escolar e as relacións entre os membros da comunidade educativa; Inclúe-T na mellora da inclusión nos centros, e Emocióna-T desenvolve accións para a mellora da competencia socioemocional de toda a comunidade educativa, que redunde no benestar emocional persoal e social e na súa calidade de vida.
 
CONTRATO-PROGRAMA INCLÚE
Modalidade
Nº centros participantes
Inclúe-T
492
Emocióna-T
480
Convíve-T
473
Iguála-T
459
Quéda-T
134
 

 Innova

Na segunda liña, Innova, participan un total de 565 centros, 114 máis ca no curso pasado, a través de cinco modalidades: EDUInnova, EDUExcelencia, EDUSaúde, EDUSostibilidade, e EDUCalidade. Todas elas son un instrumento de apoio aos centros para que poidan desenvolver un plan de mellora para potenciar competencias clave, afondar na excelencia educativa, incentivar o talento do seu alumnado, promover hábitos de vida saudables, impulsar unha educación para o desenvolvemento sostible e mellorar a xestión dos centros.

EDUinnova busca incorporar metodoloxías activas, favorecendo o traballo interdisciplinar e en equipo, e EDUexcelencia promove a excelencia no centro a través do afondamento nun ámbito de coñecemento. En EDUsaúde o centro funciona como dinamizador de hábitos de vida saudables, mentres que en EDUsostibilidade se conciencia ao alumnado da súa responsabilidade ambiental e da necesidade dun futuro sostible para construír unha sociedade próspera. Finalmente, EDUcalidade afonda no modelo de organización, xestión e funcionamento dos centros para incrementar a calidade nestes ámbitos.

 
CONTRATO-PROGRAMA INNOVA
Modalidade
Nº centros participantes
EDUSaúde
362
EDUSostibilidade
281
EDUInnova
252
EDUExcelencia
194
EDUCalidade
104
 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2023