O director do Instituto de Estudos do Territorio participou, por videoconferencia, na reunión da Comisión Territorial do Consello Superior Xeográfico

A Xunta pon en valor o papel da Base Topógrafica Urbana Galega no desenvolvemento da cartografía do resto do territorio español neste eido

As bases topográficas do territorio son o produto cartográfico máis importante para a xestión do territorio

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

O director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, puxo en valor o papel da Base Topográfica Urbana Galega no desenvolvemento da cartografía do resto do territorio español neste eido.

Durante a súa participación por videoconferencia na comisión territorial do Consello Superior Xeográfico (CSX), o director do IET salientou o esforzo realizado pola Comunidade para aprobar as especificacións da Base Topográfica de Galicia (BTG) e da Base Topográfica Urbana de Galicia (BTUG) así como a súa adaptación ás normas europeas aconselladas pola directiva INSPIRE, que define unha serie de normas técnicas e protocolos que promoven a estandarización dos datos xeográficos e do traballo con eles.

Cómpre lembrar que as bases topográficas do territorio son o produto cartográfico máis importante para a xestión do territorio. O xeito de elaborar este elemento descritivo do entorno no que os gobernos aplican a súas políticas é fundamental para que poida ser utilizado na maior parte das aplicacións necesarias.

A maiores, durante a comisión territorial tamén se abordaron outras cuestións, como, por exemplo, o traballo desenvolvido no marco do proxecto para elaborar as especificacións básicas dun servizo de xeocodificación de direccións, que consiste en converter direccións postais en coordenadas. O obxectivo desta ferramenta é garantir a calidade deste servizo co uso de datos optimizados e normalizados procedentes de fontes cartográficas oficiais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023