Acto de sinatura do conselleiro do Mar e o reitor da institución académica en Vigo

A Xunta e a Universidade de Vigo ratifican unha alianza en base ao coñecemento científico que contribúe a mellorar a xestión da mexilla no litoral galego

O novo convenio de colaboración entre ambas entidades permitirá seguir a executar o estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón

Esta acción enriquece a información sobre a evolución do recrutamento da semente do molusco atendendo á crecente demanda e a unha explotación responsable

A Consellería do Mar destina preto de 217.000 euros entre 2024 e 2026 cofinanciados co novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa)

Súmase ás outras liñas de actuación do Executivo galego para garantir que o conxunto do sector bateeiro teña acceso á cría do molusco que precisa para producir, nun inicio da campaña de recolección que pode vir marcada polo impacto dos temporais
 

Vigo, 20 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, ratificaron hoxe en Vigo o novo convenio de colaboración entre as dúas institución co fin de continuar coa execución do estudo de identificación e marcaxe selectiva de larvas de mexillón, una ferramenta que permite obter información sobre a evolución do recrutamento de semente do molusco nas rochas do litoral de Galicia. Esta sinatura ven a reforzar o acordo precedente que expiraba antes de finais deste ano e supón, segundo o titular de Mar, un avance na xestión da mexilla que trata de atender á crecente demanda deste recurso e á súa explotación responsable.

O titular de Mar, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, agradeceu ao reitor este traballo en común coa Universidade de Vigo e destacou que se engade ás outras liñas de actuación nas que traballa a Xunta, como o deseño dunha normativa de consenso que teña como eixo un plan se xestión da mexilla que actualice a orde que regula a súa extracción, do ano 2000, ademáis da busca de alternativas e complementarias para obter semente do molusco, como a exitosa vía testada polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e replicable polo sector para a posta en marcha de hatcheries ou criadoiros, así como a utilización de drons e intelixencia artificial para axudar a detectar desde o aire a presenza de semente de mexillóns nas zonas de máis difícil acceso a pé nas rochas.

Alfonso Villares sinalou que se está a dialogar intensamente con todos os actores implicados no proceso de recolección da mexilla sobre as mellores datas para a apertura da campaña, sempre coa base dos datos científicos como referencia para tomar calquera decisión, que ven marcada marcada polo actual impacto dos temporais e das fortes choivas na salinidade da auga.

A Consellería do Mar apoia a colaboración coa Universidade de Vigo cunha achega total próxima aos 217.000 euros cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) e a distribuír nas anualidades 2024, 2025 e 2026. Corresponde ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da consellería, a recollida das mostras para posterior envío ao laboratorio de Inmunoloxía da institución académica viguesa. O novo convenio amplía os puntos de control de catro a sete, pois a Moaña, Bueu, O Grove e a entrada da ría de Muros e Noia súmanse Liméns (ría de Vigo), Aguiño (ría de Arousa) e Lorbé (ría de Ares-Betanzos).

A Universidade de Vigo comprométese a realizar as tarefas de identificación e contaxe larvaria, así como de descrición da cantidade de larvas por unidade de volume e mostraxe e en cada un dos estadios larvarios presentes nas mostraxes. Da coordinación e interpretación dos resultados encárgase o CIMA. Manuel Reigosa, pola súa banda, agradeceu esta aposta polo potente grupo de investigación que lidera África González e sinalou que este tipo de iniciativas permiten que “o coñecemento que hai nos nosos laboratorios sexa útil para o país e faga un país mellor”. 

O acordo manterá tamén a comisión de seguimento que se creou para garantir o cumprimento do convenio e resolver as dúbidas que podan xurdir. A iniciativa inclúese no labor de investigación e análise que desenvolve a Administración galega para avanzar na xestión da mexilla no medio natural e tamén no seu cultivo, e enmárcase na súa aposta por avanzar na explotación sustentable dos distintos recursos mariños.

Conxunto de medidas

Os resultados que se obteñen despois de acumular desde o 6 de marzo ata a pasada semana un total de 34 informes dos recontos larvarios froito desta colaboración do Intecmar xunto co laboratorio de inmunoloxía-Cinbio-Uvigo e o CIMA, que permitiron ao sector miticultor coñecer mellor a época e o manexo para optimizar a captación da semente do molusco e optimizar así a súa produción.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 20/11/2023