Arias advírtelle ao Concello de Lugo que o conflito da limpeza está a causar graves prexuízos nos colexios

O delegado territorial da Xunta trasládalle a preocupación, compartida polos centros educativos, por que se poida producir un problema de saúde pública

Lugo, 20 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, advertiulle ao Concello de Lugo dos graves prexuízos que está a causar nos colexios a folga do persoal do servizo municipal de limpeza.

Arias dirixiuse por carta á alcaldesa, como máxima autoridade da Administración á que compete a limpeza e mantemento dos centros públicos de primaria do municipio, “dado que a situación, lonxe de resolverse parece que se intensifica cada día que pasa”. Neste sentido, lembra que xa se lles comunicou hai case un mes -o 27 de outubro- o estado no que se atopaban algunhas instalacións que, “a falta de solución, hoxe están aínda peor”.

O delegado trasládalle a súa preocupación por que se poida producir un problema de saúde público, tal e como reiteraron nas últimas semanas numerosos centros educativos ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Por elo, solicita á alcaldesa que tome as medidas adecuadas para asegurar o restablecemento da situación hixiénica dos centros, xa que “dentro das súas funcións, vostede debe garantir o dereito á seguridade e saúde do alumnado e dos demais traballadores dos centros educativos que permanecen neles durante xornadas prolongadas”.

Data de actualización: 20/11/2023