A Xunta destina 250.000 € para apoiar ao sector turístico do Salnés na súa dixitalización

En total, o goberno autonómico inviste 1,5 millóns de euros na liña de axudas da que se beneficia o sector de toda Galicia

O delegado territorial visitou a axencia de viaxes YuTravel en Cambados, que utilizou a axuda da Xunta para mellorar a súa páxina web e impulsar a súas redes sociais

Reguera lembrou a calidade do sector turístico galego e a importancia de trasladar as súas virtudes no resto do territorio nacional
 

Cambados, 20 de novembro de 2023

  O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá unha axencia de viaxes en Cambados que recibiu unha axuda da Xunta de 12.000 euros para dixitalizar os seus procesos. En total, o goberno autonómico destina 1.5 millóns de euros nesta liña de axudas, dos cales preto de 250.000 quedarán en máis dunha trintena de empresas da comarca do Salnés.

En concreto, Reguera visitou a axencia YuTravel que utilizou o aporte da Xunta para mellorar a súa páxina web e os servizos que ofrece a través da mesma. A axencia cambadesa creou dúas landingpages que permiten dar a coñecer, por un lado as ofertas de YuTravel no Camiño de Santiago e, por outro, as súas relacións e promocións en colaboración cos campos de golf galegos.

Ademais, a axencia utilizou parte do orzamento ofrecido pola Xunta para mellorar a súa presencia nas redes sociais e publicitar Galicia como un destino turístico atractivo no resto do territorio nacional.

Os responsables da empresa aseguraron que xa notaron os beneficios destas novas ferramentas dixitais. A páxina web conta agora cun tráfico maior ao que tiña antes da renovación e as consultas a través das redes sociais multiplicáronse dende o ano pasado. 

Reguera aproveitou a visita para destacar a importancia destas axudas de Turismo de Galicia que permiten “que moitas empresas dean un salto cualitativo no seu servizo e que consigan chegar a máis público”.

O delegado territorial lembrou que o sector turístico galego “é un exemplo de calidade, seriedade e saber facer” e que a Xunta de Galicia estará “sempre ao seu carón para axudalo a trasladar estas virtudes aos seus potenciais clientes”.

As axudas beneficiaron a un total de 95 establecementos na provincia de Pontevedra, 34 deles no Salnés, entre hoteis; axencias de viaxes; complexos de turismo rural; apartamentos turísticos; cámpings e establecementos de restauración. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023