Lorenzana aborda coa alcaldesa de Boimorto vías de colaboración para atraer empresas cara ao municipio

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro coa rexedora de Boimorto, María Jesús Novo, no que se puxo de manifesto a aposta da Xunta pola captación de investimentos e tecido industrial

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, no que abordaron diferentes vías de colaboración para seguir atraendo empresas cara ao municipio e contribuír así á creación de emprego e á fixación de poboación neste concello coruñés.

Durante a reunión, Lorenzana trasladoulle á rexedora a posibilidade de adherirse á iniciativa de Concellos Emprendedores, que colaboran coa Administración galega na captación de novos investimentos para Galicia, contribuíndo a avanzar na simplificación administrativa, os incentivos fiscais e o acceso ao solo industrial. En relación con este último aspecto, a alcaldesa trasladou o seu interese polo desenvolvemento de novas infraestruturas industriais no municipio.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación lembrou o compromiso da Xunta con converter Galicia nun referente na península na atracción de proxectos empresariais, e neste sentido salientou que se vai activar a Oficina Económica de Galicia, un órgano de asesoramento técnico e administrativo adscrito ao Instituto Galego de Promoción Económica. Tamén adiantou a posta en marcha dunha nova estratexia de política industrial, cun plan de aceleración de proxectos e a elaboración de plans directores por sectores.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023