A Xunta executa as obras de mellora do firme na estrada PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa

Estes traballos, cun investimento autonómico de preto de 43.000 €, permitirán optimizar as condicións de circulación nun tramo de máis de 1,3 km de lonxitude da vía autonómica

Intervense en tramos localizados, principalmente na Travesía do Vento, onde se observan fisuras do pavimento debido ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

A Xunta está a executar as obras de mellora do firme na estrada PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa.

Esta intervención, que se vén de iniciar cun investimento autonómico de preto de 43.000 euros, céntrase nas reparacións estruturais e superficiais do pavimento da PO-305, no tramo de algo máis de 1,3 quilómetros situado entre os quilómetros 4+530 e 5+850 da vía autonómica. 

O estado de conservación do firme deste tramo da estrada é, a nivel xeral, adecuado, pero en tramos localizados, principalmente na Travesía do Vento, entre os puntos quilométricos 4+750-4+820, obsérvanse fisuras no pavimento debido, principalmente, ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados.

Nalgúns puntos concretos obsérvase esgotamento estrutural do pavimento, a consecuencia, entre outras cousas, da acción erosiva da auga ao infiltrarse na sección do firme.

Os traballos que se están a executar teñen como obxectivo optimizar as condicións de circulación e prolongar a vida útil do pavimento.

En concreto, as obras consisten no fresado superficial de 5 cm da capa de rodadura con ancho a todo o carril; e tamén no fresado profundo de 10 cm de espesor na capa de rodadura e na intermedia, cun ancho mínimo de 1,5 metros naquelas zonas máis deterioradas.

Ademais, tamén se realizará no marco destes traballos a reposición da capa intermedia nun espesor de 5 cm, e reposición da capa de rodadura a todo o carril cun espesor tamén de 5 cm, previo estendido dunha rega de adherencia.

Ao longo do resto do tramo realizaranse fresados localizados superficiais de 5 cm de espesor cun ancho mínimo de 1,5 metros para a posterior reposición da capa de rodadura.

As obras completaranse co repintado de todas as marcas viarias no tramo de actuación.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023