A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou o Plan de Restauración Fluvial Bosque de Ribeira dos Ríos Umia e Gallo, unha actuación que contribuirá a mellorar a calidade das augas e os ecosistemas

Ethel Vázquez avanza que a Xunta plantará 7.000 árbores nas marxes do río Umia, cun investimento de case 2 M€ que evitará as cianobacterias e reducirá o risco de inundacións

Vázquez Mourelle informa da publicación hoxe no DOG da encomenda á empresa pública Seaga dos traballos de restauración fluvial do bosque de ribeira, que suporán actuar sobre 35 quilómetros das marxes do río Umia e do seu afluente, o río Gallo

As actuacións centraranse en mellorar a calidade do solo con novas plantacións e na recuperación de zonas degradadas

Retiraranse os obstáculos que impidan o libre discorrer da auga, desde árbores caídas ata madeira morta, pedras ou terras de colapso de noiros
 

Moraña (Pontevedra), 20 de novembro de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta plantará 7.000 árbores para recuperar a vexetación de ribeira nas marxes do Umia, cun investimento de case 2 M€ que contribuirá a reducir a proliferación de cianobacterias e a minorar o risco de inundacións.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentou hoxe o Plan de Restauración Fluvial Bosque de Ribeira dos Ríos Umia e Gallo, unha actuación que contribuirá a mellorar a calidade das augas e dos ecosistemas asociados a eses leitos.

Explicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a encomenda á empresa pública Seaga dos traballos de restauración fluvial do bosque de ribeira deses dous ríos, que suporán actuar sobre 35 quilómetros das marxes destes ríos, 21 do Umia e 14 do seu afluente, o río Gallo.

Estas intervencións son executadas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

As actuacións centraranse en mellorar a calidade do solo con novas plantacións e recuperación de zonas degradadas, incluso mediante a eliminación de especies invasoras.

Tamén se consolidará o bosque de ribeira por ser formacións vexetais con alto valor ecolóxico e ambiental e por ser fonte de biodiversidade e se incrementará a retención de auga de escorrentía, minimizando o seu aporte aos ríos Umia e Gallo.

Dentro dos cauces, nas zonas máis degradadas ou que amosen problemas de erosión, nas que non se poida revexetar, será necesario empregar técnicas de bioenxeñaría.

Retiraranse os obstáculos que impidan o libre discorrer da auga, desde árbores caídas ata madeira morta, pedras ou terras de colapso de noiros.

A conselleira destacou que na zona de servidume o obxectivo é lograr un bosque de ribeira recuperado, disposto ao longo dunha zona lineal nas marxes dos ríos. Por iso se plantarán 7.000 árbores de ribeira, que contribuirán a mellorar as marxes, acadando a optimización ecolóxica desta zona fluvial.

Ethel Vázquez lembrou que estas intervencións son froito de diferentes estudos realizados pola Xunta, un deles centrado na bacía do río Umia e dos seus afluentes para mellorar a súa calidade.

Dese estudo obtívose unha diagnose, na cal se conclúe que en xeral, a calidade do bosque de ribeira nas marxes de ambos os ríos é aceptable en moitos puntos, pero non chega a ser óptima nalgunha parte do percorrido e iso afecta á calidade das augas.

A conselleira indicou que os bosques de ribeira funcionan como filtro verde do río, ao evitar que cheguen ás súas augas elementos derivados da actividade humana que as altera e axudar a evitar desbordamentos.

Detallou que ante as avenidas de auga, a galería vexetal do bosque de ribeira funciona como un amortiguador da forza e intensidade, que regula os caudais, mellorando a inflitración no terreo, retendo os sedimentos e ralentizando a velocidade da mesma.

Remarcou que todo isto repercute na diminución do risco ante posibles inundacións e a súa vez vai favorecer a recuperación de novos hábitats para a fauna.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/11/2023