Encontro do conselleiro do Mar coa cadea mar- industria da provincia de A Coruña

A Xunta e a cadea mar-industria denuncian os efectos negativos na actividade pola inseguridade xurídica xenerada polo recurso contra a Lei do Litoral Galega

O conselleiro do Mar destaca que finalmente o goberno do Estado recorreu só o 15% do articulado da norma autonómica o que demostra o rigor xurídico co que foi elaborada e tramitada

No último Consello da Xunta celebrado o pasado xoves o Goberno galego aprobou persoarse na causa para presentar alegacións canto antes fronte un recurso ‘político’

Villares denunciou o pacto co PNV para o traspaso de medios persoais e materiais para a xestión do litoral sen esixir ningunha reforma do seu Estatuto, como si se reclama a Galicia a pesar de que recolle as mesmas competencias co vasco

Ames (A Coruña), 18 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou unha rectificación ao Goberno Central e retire o recurso interposto ante o Tribunal Constitucional contra a Lei do Litoral de Galicia para que a comunidade volva a ter a capacidade de tomar decisións que afectan ao desenvolvemento sostible da súa costa e caladoiros. Así o manifestou o titular de Mar nun encontro con medio centenar de representantes do sector entre os que se atoparon membros das confrarías de pescadores da provincia de A Coruña, da Asociación de Empresarios Depuradores de Moluscos (Agade) e da comisión Mar-Industria da Confederación Galega de Empresarios (CEG), entre outros, na sede da Federación Galega de Confrarías en Milladoiro, no concello coruñés de Ames.

O conselleiro puxo en valor o consenso co que se tramitou a norma galega, aprobada sen ningún voto en contra e co aval do Consello Consultivo de Galicia así como o rigor xurídico co que se elaborou como demostra o feito que só foi recorrido un 15% do articulado fronte o 40% anunciado. Unha decisión que provoca unha grave inseguridade xurídica e pon en risco a actividade do tecido mar-industria no litoral e ao emprego que xera.

O responsable autonómico sinalou o feito co executivo do Estado puxera en marcha a tramitación do recurso ante o Tribunal Constitucional o mesmo día que foi publicada a norma no Diario Oficial de Galicia o que demostra a falta de vontade de diálogo e de alcanzar acordos por parte do Estado. Ademais, manifestou que no análise preliminar do informe do Consello de Estado no que fundamenta a argumentación do Goberno central se evidencia que non todos os preceptos cuestionados contan co aval deste organismo. No documento este organismo recoñece que pode haber instalacións do complexo mar-industria en terreos de dominio público marítimo-terrestre (DPMT) así como en servidume de protección, algo que cuestiona o recurso de inconstitucionalidade.

Por outra banda destacou que no Consello da Xunta celebrado o pasado xoves autorizouse ca Xunta se persoe no procedemento ao obxecto de presentar alegacións canto antes, mostrando unha vez máis o compromiso do executivo galego na defensa do sector marítimo pesqueiro. Alfonso Villares criticou que desde o Goberno central en funcións fagan oídos sordos e non escoite o clamor que medra cada día máis en Galicia en defensa do seu sector produtivo e do seu litoral, instando novamente a rectificar, dar marcha atrás e permitir que Galicia tome o temón das súas competencias sobre a costa e os caladoiros.

Nesta liña denunciou o trato discriminatorio do Goberno central que, mentres cuestiona as competencias da Xunta no litoral, pactou co PNV -a cambio dos seus votos na investidura- a transferencia de medios persoais e materiais para a xestión do litoral sen esixir ningunha reforma do seu Estatuto que, pola contra, si esixe a Galicia, cuxo estatuto recolle as mesmas competencias que o vasco. O titular de Mar manifestou ante a cadea mar industria co recurso é político e constitúe un ataque frontal a este sector estratéxico para Galicia xa que a Lei do Litoral de Galicia, agora en suspenso, recoñece con total claridade o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como “estratéxico e prioritario” para o desenvolvemento sustentable do litoral.

O responsable autonómico subliñou que ningunha iniciativa lexislativa sitúa á pesca, marisqueo ou miticultura cun nivel de protección tan alto como fai a norma galega, algo especialmente relevante despois de constatar como se aprobaron os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) polo Goberno central: sen diálogo ningún coas comunidades autónomas nin cos sectores implicados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/11/2023