A Xunta enxalza a calidade e sabor da centola das rías galegas na VIII festa gastronómica dedicada a este marisco en Lorbé

Oleiros (A Coruña), 18 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a excelente calidade e sabor da centola galega así como o bo estado biolóxico que presenta en augas galegas, xa que na pasada campaña de 2022-2023 foron comercializados nas lonxas galegas preto de 636.000 quilos deste crustáceo xerando unha facturación de 6 millóns de euros. O titular de Mar fixo estas manifestacións na VIII Festa Gastronómica da Centola no porto de Lorbé, no concello coruñés de Oleiros, unha iniciativa organizada pola confraría de pescadores local co ánimo de promocionar este crustáceo tanto entre veciños como visitantes.

O titular de Mar felicitou aos promotores pola organización deste evento, previsto para o día 11 e aprazado polas malas condicións meteorolóxicas, que cumpre a súa octava edición consolidándose como cita ineludible para os amantes deste marisco. Tamén puxo en valor a importancia de desenvolver este tipo de celebracións que animan ao consumo e que tamén serve para homenaxear á frota de artes menores que o captura na zona aproveitando que o pasado domingo abriu a campaña nas provincias da Coruña e Pontevedra. Os asistentes á xornada gastronómica de hoxe poden degustar a centola nos restaurantes que participan na festa –Porto de Lorbé, A Escola, Casa Méndez, A Cortiña e A Coviña– ou recollela xa preparada para levar no propio porto do municipio.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 18/11/2023