O conselleiro do Medio Rural reuniuse con veciños e coa alcaldesa deste concello coruñés para explicarlles as vantaxes desta ferramenta ligada á Lei de recuperación de terras

A Xunta promove un polígono agroforestal en Trazo que mobilizará 174 hectáreas

O conselleiro do Medio Rural sinalou que este polígono estará situado nunha zona na que existe unha demanda de terras para a produción de forraxe, polo que podería ir destinado a satisfacer ese tipo de necesidades

O deste municipio sumaríase aos 26 que actualmente se atopan en distintas fases e que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños

José González fixo referencia aos 7,4 millóns de euros dos orzamentos de 2024 que se destinarán a seguir potenciando este tipo de figuras de mobilización

Trazo (A Coruña), 18 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega da Industria Forestal, Inés Santé, e da alcaldesa do concello coruñés de Trazo, Josefina Suárez, reuniuse con veciños da localidade en relación co polígono agroforestal de Campo-Gorgullos.

O conselleiro explicou que se prevé a mobilización de 174 hectáreas, distribuídas en 112 parcelas de 45 propietarios. Atópanse nunha zona na que existe unha demanda de terras para a produción de forraxe para gando, polo que o polígono podería orientarse a satisfacer ese tipo de necesidade. Na xuntanza tamén participou o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, ao estar unha parcela deste proxecto de mobilización no seu concello.

Este polígono agroforestal sumaríase aos 26 que actualmente están en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Xunto cos polígonos agroforestais cómpre salientar tamén a figura das aldeas modelo, das cales hai xa 21 aprobadas, segundo sinalou José González.

Seguindo esta liña, os polígonos agroforestais son unha das figuras de mobilización de terras impulsadas a través da Lei de recuperación da terra agraria -que entrou en vigor en maio de 2021- mediante a cal se están recuperar grandes áreas da terra potenciando os tres usos do chan -agrícola, gandeiro e forestal-, segundo o tipo de cultivo máis acaído.

Neste sentido, o conselleiro salientou que neste caso de Trazo trátase especialmente de “reconcentrar” terra moi traballada para crear predios de maior superficie e mellorar así a base territorial das explotacións. Deste xeito, engadiu, dáse un mellor soporte e impulso á actividade agrogandeira da zona.

7,4 millóns en 2024 para desenvolver polígonos agroforestais e aldelas modelo

Así, José González lembrou que a mobilización de terras é unha das principais apostas do Goberno galego. Neste sentido, fixo referencia aos 7,4 millóns de euros que forman parte dos orzamentos de 2024 para seguir potenciando este tipo de figuras. Xunto con estas ferramentas, é importante destacar tamén as permutas de especial interese agrario e as agrupacións de xestión conxunta. 

Con todo, as figuras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria, máis o labor desenvolvido a través das concentracións parcelarias -ás que se destinarán 24 millóns de euros no 2024-, a Xunta puxo en valor arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023