A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade participou no Uruguai no Encontro mundial de empresarios galegos

Rivo enxalza a integración leal dos empresarios galegos no mundo por contribuír a reforzar a cooperación económica e os lazos humanos e culturais

Destacou que a galeguidade debe seguir unindo os galegos no exterior para enfrontar os retos da economía global cambiante e indicou que as relacións comerciais internacionais son un “activo valioso” que require ser nutrido e fornecido

A conselleira ten previsto reunirse coa vicepresidenta do Uruguai, Beatriz Argimón, e co ministro de Traballo e Seguridade Social deste país, Pablo Mieres, para ofrecer colaboración e dar a coñecer as medidas galegas de impulso ao emprego

A Xunta de Galicia traballa para que a comunidade atraia investimentos e sexa terra de oportunidades e para acadalo ofrece estabilidade política e xestión responsable
 

Montevideo (O Uruguai), 17 de novembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou en Montevideo no Encontro mundial de empresarios galegos, que reuniu na capital do Uruguai a representantes de asociacións e delegacións de empresarios de Galicia, Cataluña, Estados Unidos, China, México, Paraguai, Brasil, A Arxentina e do país anfitrión. Rivo destacou o carácter exemplar da comunidade galega no exterior pola súa dedicación e compromiso e pola “integración leal” nos mecanismos económicos e de desenvolvemento nos países acolledores.

O encontro, que se celebra desde onte, e que conta tamén coa presenza da delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, así como de representantes do Instituto Galego de Promoción Económica de Galicia (Igape), quere contribuír a fortalecer as relacións económicas entre Galicia, O Uruguai e o resto dos países con presenza de empresarios galegos, consolidando os vencellos entre as diferentes comunidades.

“A galeguidade únenos e débenos seguir xuntando ante os retos que se nos presentan  nesta economía global cambiante”, indicou Rivo, quen destacou a conexión económica e histórica das relacións comerciais entre Galicia e O Uruguai, que nos últimos tempos se foi diversificando cara a sectores como o das enerxías renovables ou a tecnoloxía, xerando “novas oportunidades para o desenvolvemento económico e a colaboración”.

Segundo indicou a conselleira, as relacións comerciais internacionais son un “activo valioso” que require ser nutrido e fornecido “porque contribúe tamén a reforzar os lazos culturais e humanos”.

A Xunta de Galicia está a traballar para que a comunidade sexa terra de oportunidades e atraia investimentos do exterior. Rivo puxo como valor, para avanzar neste propósito, a xestión pública responsable e sensata, a estabilidade política, a solvencia financeira e o compromiso coa promoción económica.

“O futuro de Galicia invita ao optimismo, contamos con institucións estables e que ofrecen seguridade xurídica, algo nada desdeñable nestes tempos”, asegurou Rivo, quen incidiu en que “en Galicia cremos na empresa e avogamos pola colaboración público-privada. “Un país non prospera sen empresarios, menos aínda contra eles”, indicou.

Neste marco, a directora do Igape, Covadonga Toca, puxo en valor a importancia deste tipo de encontros de cara a reforzar e potenciar as xa de por si boas relacións comerciais entre Galicia e O Uruguai, ao tempo que se promove e facilita a internacionalización do tecido empresarial galego. Un traballo conxunto que, como expuxo, está a permitir acadar “rexistros históricos” no que ás exportacións galegas se refire, con preto de 30.000 M€ en vendas ao exterior durante o último ano, e cun crecemento, no caso concreto do Uruguai, de máis do 36% ao peche do 2022 en relación ao exercicio precedente.

Encontros institucionais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade ten previsto manter un encontro coa vicepresidenta da República Oriental do Uruguai, Beatriz Argimón, no que brindará colaboración institucional e apostará por seguir a estreitar lazos históricos entre Galicia e o país sudamericano.

Tamén celebrará unha xuntanza co ministro uruguaio de Traballo e Seguridade Social, Pablo Mieres, na que Rivo exporá as medidas que a comunidade galega está a desenvolver para contar con máis e mellor emprego e contribuír, a través deste, a fixar poboación nas zonas rurais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023