A Xunta afronta a fase final do proceso participativo para elaborar a nova Estratexia turística 2024-2030

Esta semana éntrase no ecuador da planificación das mesas de traballo nas que xa participaron máis de 270 persoas en distintos concellos para deseñar a diagnose

De xeito parello, está dispoñible o cuestionario online no que se está a recoller a opinión e suxestións dos profesionais do turismo e persoas interesadas

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia entra esta semana no ecuador do proceso participativo co que se está a elaborar a diagnose da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, que se vén celebrando desde o pasado mes de outubro con diferentes mesas de traballo en distintos concellos galegos.

En colaboración co Clúster Turismo de Galicia, celebráronse xa máis de 10 mesas coa participación de máis de 270 profesionais, axentes públicos e privados do sector. Nelas, estanse a expor a necesidades e retos para os vindeiros anos e recóllese información sobre as distintas perspectivas e desafíos que enfronta o turismo nas diferentes zonas da comunidade galega.

Na programación para os vindeiros días está prevista a celebración en Porto do Son, para a ría de Muros-Noia e o Barbanza; en Pontevedra, para a Terras de Pontevedra e O Morrazo; en Vigo, para a Ría de Vigo e Baixo Miño; en Abegondo, para as Mariñas Coruñesas; A Rúa, para Trevinca e Valdeorras; Monterrei para a área de Verín e Monterrei, Allariz, para a área de Allariz, Maceda e A Limia. O proceso de mesas de traballo rematará en Santiago de Compostela o 1 de decembro.

Cuestionario online

De xeito parello, e para dar cabida a todos os profesionais do sector turístico e persoas interesadas, esta información completarase coa que se vai a recompilar a través dun cuestionario online no que se recollen a visión e suxestións ao que se pode acceder en na web diagnoseturismo.gal, onde tamén está o calendario das mesas de traballo.

Para elaborar esta nova estratexia de turismo contará co aval científico das tres universidades galegas en coordinación coa Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia, que realizarán unha análise científica sobre a oferta, demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia. O Goberno autonómico continúa así planificando o seu modelo turístico a través dunha folla de ruta na que a sostibilidade e a dixitalización terán especial protagonismo.

 
Data de actualización: 19/11/2023