O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe os centros de protección a menores de Carballo e Fisterra

A Xunta reforza a atención a nenos e adolescentes dentro do sistema de protección autonómico nos orzamentos do ano 2024

Destinarase a esta materia máis de 60 millóns de euros o vindeiro ano para seguir reforzando a atención e prevención de casos de desprotección

Carballo (A Coruña), 17 de novembro de 2023

A Xunta reforzou nos orzamentos autonómicos para o vindeiro ano 2024 os fondos destinados á atención de nenos e adolescentes dentro do sistema de protección. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe os centros de protección de nenos e adolescentes situados en Carballo e Fisterra onde puxo en valor a súa calidade asistencial para garantir o dereito a unha infancia feliz.

O Goberno galego conta cunha ampla carteira de servizos destinados á atención menores que se centran na prevención de posibles situacións de desprotección e tamén a actuación naqueles casos nos que é necesario. As contas do Executivo para o vindeiro ano contemplan máis de 60 millóns de euros a esta materia para seguir reforzando os servizos dedicados a esta materia como son os centros de protección de nenos e adolescentes cos que conta a Xunta de Galicia por distintos puntos da xeografía galega.

Entre os programas impulsados polo Goberno galego atópase o fomento do acollemento familiar; os Programas de Intervención Familiar (PIF); a consolidación dunha rede de centros de día para a atención a menores; do programa Mentor, para acompañar aos menores tutelados unha vez acadan a maioría de idade; ou a ampliación da rede de Puntos de Encontro Familiar (PEF) que ofrecen espazos seguros para realizar as visitas estipuladas por orde xudicial entre proxenitores con separacións conflitivas.

Data de actualización: 17/11/2023