A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu, esta mañá, á asemblea do Club de Raza Can de Palleiro

A Xunta reunirase co Goberno central a próxima semana para abordar as dúbidas de aplicación da nova Lei de benestar animal estatal

Belén do Campo comprométese a trasladarlle ao Estado a inquedanza da entidade ante o posible impacto que terá a normativa para os criadores de cans

Subliña o apoio do Goberno galego á posta en valor na Comunidade desta raza autóctona e lembra que, desde o ano 2019, está incluída expresamente na orde de axudas para a adquisición de cans pastores en defensa do gando fronte ao lobo

 

Padrón (A Coruña), 19 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia e o Goberno central reuniranse a próxima semana para abordar as dúbidas de aplicación e competenciais suscitadas pola nova Lei estatal de protección de dereitos e benestar dos animais, en vigor desde o pasado 29 de setembro.

Así o avanzou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, quen participou, esta mañá, na asemblea convocada pola asociación Club de Raza Can de Palleiro en Padrón e durante a cal se abordou, entre outras cuestións, a preocupación do colectivo pola nova normativa sectorial e os efectos que podería ter sobre esta raza autóctona, que, segundo os datos que manexa a propia entidade, conta con máis de 2.200 exemplares inscritos no seu Libro xenealóxico.

Neste sentido, salientou a importancia de clarificar canto antes varios aspectos e esixencias introducidas pola nova lei estatal, motivo polo que seu departamento solicitou en varias ocasións unha reunión co Ministerio, co fin de determinar o alcance da mesma e clarificar o papel dos concellos e das comunidades na súa aplicación práctica.

Ao respecto, a directora xeral indicou que o vindeiro martes se reunirá telematicamente co director xeral de Dereitos dos Animais, Sergio García, no marco dos contactos bilaterais ofrecidos polo Goberno central a aquelas comunidades interesadas en abordar o contido da norma estatal.

Por outra banda, do Campo incidiu no importante papel que desempeñan en Galicia os cans de palleiro en canto á prevención dos ataques da fauna silvestre e para a defensa do gando, dun modo equiparable e tan efectivo, dixo, como outras razas de pastores máis coñecidas, como poden ser os mastíns.

De feito, durante a súa intervención, lembrou que, desde a convocatoria de 2019, a orde de axudas para a adquisición de cans protectores e defensores do gando xestionada a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inclúe entre as razas subvencionables o can de palleiro, o mastín español e o mastín do Pirineo.

Por iso, a directora xeral animou aos criadores presentes a acollerse a estas subvencións e a seguir divulgando entre o sector agrogandeiro o potencial que ten esta denominación para protexer ás explotacións fronte a posibles ataques do lobo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2023