A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o municipio lucense do Saviñao

A Xunta ofrece axudas de ata 30.000 € para restaurar vivendas e edificios residenciais na área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra

Ángeles Vázquez anima a propietarios particulares e comunidades de veciños a aproveitar estes incentivos económicos, que se poden solicitar ata o 30 de novembro e aos que se destinará este ano unha partida de 1,13 M€, o dobre que o ano pasado

Salienta que ao abeiro das 2 convocatorias anteriores xa se rehabilitaron preto de 100 inmobles nesta zona, da que destaca o seu gran valor ambiental e patrimonial
 

O Saviñao (Lugo), 18 de novembro de 2023

A Xunta pon a disposición de propietarios particulares e comunidades de veciños con vivendas e edificios residenciais localizados na Área de rehabilitación integral (ARI) da Ribeira Sacra axudas de ata 30.000 euros destinadas a acometer obras de reforma, mantemento e mellora nos seus inmobles.

Durante unha visita esta mañá ao concello do Saviñao, 1 dos 25 municipios que integran esta ARI, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou á veciñanza a aproveitar os incentivos económicos que ofrece o seu departamento por terceiro ano consecutivo para fomentar as actuacións de rehabilitación residencial na zona.

Tras lembrar que o prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 30 de novembro, a responsable autonómica indicou que o orzamento reservado este ano ás axudas para a ARI da Ribeira Sacra ascende a 1,13 millóns de euros, unha dotación que duplica á de 2022.

Neste sentido, Vázquez Mejuto salientou que ao abeiro das 2 convocatorias anteriores xa se rehabilitaron preto de 100 inmobles nesta zona, cunha achega por parte da Xunta de 900.000 euros en total, e avanzou que o próximo ano está previsto publicar unha nova convocatoria, a cuarta desde a súa posta en marcha.

De feito, acompañada polo rexedor municipal, Juan Carlos Armesto, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, a vicepresidenta achegouse esta mañá ata unha das vivendas restauradas no concello e cuxos propietarios se beneficiaron dunha axuda da Xunta de case 15.000 euros.

Así mesmo, destacou o gran valor ambiental e patrimonial que caracteriza a ARI da Ribeira Sacra, localizada entre as provincias de Lugo e Ourense e declarada a comezos do ano 2020 en atención ás características históricas e culturais que comparten e por ter os ríos Miño e Sil como nexos naturais de integración. Neste sentido, a vicepresidenta salientou a importancia de apostar tamén nesta zona pola rehabilitación residencial para complementar a posta en valor da contorna e mellorar á vez a calidade de vida da poboación residente.

Para poder acollerse a estas subvencións, lembrou que é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén unha vez executadas e xustificadas as obras de rehabilitación nos inmobles.

A contía, cun límite de 30.000 euros por vivenda, non poderá superar o 50% do importe subvencionable da actuación. Este límite increméntase ata o 75% se os ingresos da unidade de convivencia que promove a actuación e reside na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que existen persoas con algún tipo de discapacidade ou maiores de 65 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023