A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá no acto de entrega de chaves ás familias adxudicatarias

A Xunta entrega en Sober tres vivendas protexidas no marco dun proxecto piloto de construcións modulares

Ángeles Vázquez incide en que o Goberno galego seguirá prestando especial atención ao acceso á vivenda en 2024, triplicando o investimento destinado á construción de vivenda pública, pasando de 10,5 M€ a un total de 32 M€

Sober (Lugo), 18 de novembro de 2023

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, entregou hoxe en Sober 3 vivendas de promoción pública no marco dun proxecto piloto de construcións modulares.

Logo de lembrar que ao abeiro desta iniciativa tamén se construíron 6 vivendas no municipio ourensano de Cenlle, a vicepresidenta segunda explicou que os inmobles, cuxa construción supuxo un investimento de preto de 440.000 euros, teñen unha clasificación enerxética A, polo elevado grao de illamento da envolvente, e uns sistemas enerxéticos eficientes, como a calefacción por aerotermia.

Máis polo miúdo, cada inmoble conta con 109 m2 de superficie útil distribuídos en dúas plantas. Na planta baixa localízanse a zona de acceso, salón-cociña-comedor, patio central, aseo e escaleiras de comunicación co andar superior, que consta de 3 dormitorios, lavadoiro-tendal e 2 cuartos de baño. A maiores, as tres vivendas contan cun patio interior e un pequeno xardín traseiro, así como un rocho e garaxe.

Ángeles Vázquez incidiu en que o Goberno galego seguirá prestando especial atención ao acceso á vivenda en 2024. De feito, o vindeiro ano se triplica o investimento en construción de vivenda pública, pasando de 10,5 millóns de euros a un total de 32 millóns de euros. E, nesa liña, as axudas a promotores públicos e privados para a construción de vivenda en solo público destinada a alugueiro contará cunha dotación de 7,4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/11/2023