O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde na entrega dos premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense

A Xunta destaca a súa aposta pola mocidade como base do rural galego, con axudas para a incorporación á actividade agraria que só en 2024 chegarán aos 16 M€

José González puxo tamén en valor as achegas comprometidas para plans de mellora e para a instalación de pequenas explotacións, un “trío de axudas económicas” que suman máis de 500 millóns de euros desde 2009, salientou

Incidiu nas oportunidades abertas a partir da Lei de recuperación, con iniciativas como os novos espazos agrarios de experimentación, que estarán activos en 2024

AJE Ourense agrupa uns 130 asociados de diferentes sectores económicos e centra a súa actividade no desenvolvemento dunha rede colaborativa entre os empresarios mozos, así como no asesoramento e no recoñecemento á actividade empresarial

San Cibrao das Viñas (Ourense), 17 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, da xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e da directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na entrega dos premios da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense, que tiveron lugar no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, onde destacou o importante papel dos mozos que emprenden proxectos no rural.

Neste sentido, salientou que o colectivo da mocidade constitúe a base do rural galego, polo que a Xunta apoia decididamente a súa incorporación á actividade agrogandeira. Faino a través dun investimento total que no 2024 ascenderá a 16 millóns de euros, tal e como trasladou González, quen tamén puxo en valor as achegas comprometidas para plans de mellora e para a instalación de pequenas explotacións. Este “trío de axudas económicas” -como o definiu o conselleiro- suman máis de 500 millóns de euros desde 2009, aos que agora se sumarán, en total, 44 millóns de euros máis na vindeira anualidade.

 

A maiores, o titular de Medio Rural remarcou a importancia de novas liñas de subvencións, destinadas especificamente a impulsar a remuda xeracional. En primeiro lugar, sinalou, unha para incorporación de novas persoas agricultoras, en paralelo ás axudas de incorporación, para a cal se destinarán tres millóns de euros. En segundo termo, indicou o conselleiro, unha achega de medio millón de euros destinada a persoas agricultoras que se xubilen cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións, para garantir esa remuda xeracional.

 

Neste mesmo sentido, José González apostou por poñer en marcha actividades que permitan, ademais de atraer aos mozos, fomentar esa remuda e fixar poboación no rural, dinamizar a economía do agro. E valorou, nesta liña, a aportación que supoñen os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, cos que xa se mobilizaron no conxunto de Galicia preto de 10.000 hectáreas. En concreto, sobre as aldeas modelo, o conselleiro lembrou que xa se iniciaron catro proxectos piloto dos seus plans de dinamización, para fomentar a súa rehabilitación respectando a arquitectura tradicional e con criterios centrados na autosuficiencia enerxética e na conectividade dixital.

 

Espazos agrarios de experimentación de Galicia

Vencellado á innovación no rural, González tamén puxo en valor os espazos agrarios de experimentación de Galicia e anunciou que en 2024 poranse en marcha estas iniciativas, para que os emprendedores poidan desenvolver unha actividade hortícola e de gandaría en extensivo, así como de transformación dos produtos obtidos nas súas explotacións.

 

Todo isto, engadiu, xunto cos polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, favorecen o obxectivo primario de poñer en marcha actividade económica en zonas produtivas abandonadas ou en estado de infrautilización. E adiantou que no próximo ano, cun investimento de 7,3 millóns de euros, licitaranse os primeiros polígonos e poranse en marcha as primeiras agrupacións de xestión conxunta no eido forestal.

 

O conselleiro concluíu que todas estas son “verdadeiras oportunidades de futuro”, unhas opcións “para seguir emprendendo, para seguir medrando en conxunto e, de paso, facer crecer á comunidade”.

 

AJE Ourense

A Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Ourense agrupa arredor de 130 asociados de diferentes sectores económicos. Defínese como unha entidade “sen ánimo de lucro, multisectorial e independente” e centra a súa actividade no desenvolvemento dunha rede colaborativa entre os empresarios ourensáns, así como no asesoramento e no recoñecemento á actividade empresarial, a través de iniciativas como os premios entregados hoxe.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023