Galicia suma cinco centros na Rede Estatal de Excelencia da Formación Profesional, o que a consolida no grupo de comunidades líderes neste eido

Este ano incorpóranse á rede os centros integrados CIFP Someso da Coruña e CIFP Politécnico de Santiago, que se engaden aos tres incluídos o pasado curso

Ambos foron propostos pola Xunta e aceptados polo Ministerio de Educación y Formación Profesional por ser referentes en innovación e investigación

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

A proposta da Xunta, Galicia vén de incorporar dous novos centros de FP á Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional, tal e como se recolle na proposta de resolución do Ministerio de Educación y Formación Profesional.

Trátase dos centros integrados de Formación Profesional CIFP Someso da Coruña e CIFP  Politécnico de Santiago de Compostela, que se suman aos outros tres incorporados o ano pasado (Carlos Oroza de Pontevedra, As Mercedes de Lugo e Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña).

Deste xeito, Galicia conta cinco centros na rede estatal, para os cales obtivo a máxima puntuación de todas as comunidades no conxunto da rede. Isto consolídanos como unha das comunidades líderes na Formación Profesional, no grupo de cabeza xunto con País Vasco, Navarra e Castela-A Mancha.

Para ambos centros, que ocupan dúas das 17 prazas dispoñibles nesta convocatoria, valorouse o seu traballo e capacidade para ser referentes nos ámbitos da innovación e investigación aplicada así como do emprendemento activo no ámbito local e autonómico. A integración nesta rede suporá a posta en marcha de distintos plans e proxectos de actuación para avanzar na transformación tecnolóxica dixital e metodolóxica.

Novas tecnoloxías aplicadas á construción no CIFP Someso

Desde o CIFP Someso da Coruña faise unha aposta pola innovación educativa no sector da construción, empregando metodoloxías de aprendizaxe activa que fagan uso de tecnoloxías disruptivas como a Realidade Virtual, a Intelixencia Artificial para o desenvolvemento de prototipos e BIM (Building Information Model) como metodoloxía de traballo colaborativa en proxectos de construción.

Todo isto sen esquecer a importancia da minimización do impacto ambiental, apostando pola construción sostible.

Impulso sector químico e biotecnolóxico no CIFP Politécnico

No marco desta rede, o CIFP Politécnico de Santiago impulsará a formación do sector químico e biotecnolóxico, centrándose na actualización metodolóxica e a innovación, sendo consciente da importancia da tecnoloxía, a dixitalización e a transición ecolóxica.

Para acadalo propón unha alianza estratéxica para crear un ecosistema innovador no sector químico, incorporando I+D+i. A intención é levar a cabo proxectos que integren o uso de tecnoloxías como os secuenciadores de nova xeración, técnicas automatizadas de detección e cuantificación de microorganismos e a microscopía electrónica de barrido.

Galicia, líder na FP

A Xunta agradece este recoñecemento xa que axudará a seguir consolidando a FP galega como un referente nacional e internacional, que é o resultado de anos de traballo desde a Administración autonómica e os centros desenvolvendo distintas actuacións en materia de innovación, investigación e emprendemento.

Así pois, o Goberno galego continuará a aposta pola tecnificación e a especialización de acordo coa folla establecida na Estratexia Galega de FP 2030, dotada con 900M€, co obxectivo de ofrecer unha formación personalizada e adaptada ás demandas dos sectores socio-produtivos de Galicia, coa posta á disposición do mercado laboral de profesionais altamente cualificados.

Isto fixo que a FP galega pasara dos 34.000 alumnos aos máis de 64.500 deste curso, un máximo histórico con crecemento xeneralizado de matrículas nos distintos niveis e modalidades e no conxunto do territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023