A Xunta defende a negociación colectiva para construír un tecido laboral robusto e preparado para os retos de futuro

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, clausurou o XIX Encontro galego das Relacións Laborais organizado polo Consello Galego de Relacións Laborais

Puxo en valor o papel dos axentes sociais como catalizadores da voz dos traballadores

A Administración autonómica avoga polas medidas innovadoras ante a era da transformación laboral
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, clausurou hoxe o XIX Encontro galego das Relacións Laborais, no que referendou o compromiso da Xunta de Galicia coas medidas que melloren situación laboral das persoas traballadoras e pola negociación colectiva como mecanismo para construír un tecido laboral robusto preparado para os retos de futuro.

No encontro, organizado polo Consello Galego de Relacións Laborais, Fuentes afirmou que a Xunta defende “a negociación colectiva para construír un tecido laboral robusto e adaptado aos novos tempos que se aveciñan”, e engadiu que a Administración autonómica está a apostar pola consolidación dunhas relacións laborais “que garantan os intereses individuais e colectivos de todos os galegos, co obxectivo de aumentar a estabilidade e a calidade do emprego”.

O secretario xeral técnico puxo en valor o papel dos axentes sociais para “catalizar” a voz dos traballadores. “A colaboración entre empregadores e sindicatos resulta vital neste proceso para a introdución de medidas innovadoras que permitan avanzar nesta era da transformación laboral”, afirmou.  

Nunha contorna laboral que demanda maior flexibilidade para adaptarse a cambios económicos e tecnolóxicos, a negociación colectiva enfróntase ao desafío de equilibrar a flexibilidade laboral coa necesidade de protexer os dereitos dos traballadores. A Xunta fía a este diálogo a capacidade de enfrontar cuestións como as desigualdades salariais, condicións laborais e demandas sectoriais diverxentes.

O Consello Galego de Relacións Laborais, organizador do encontro de hoxe é un “órgano imprescindible” para as relacións laborais en Galicia, remarcou Fuentes. Tal e como indicou, serve como lugar de encontro dos axentes sociais e presta os apoios materiais e persoais que posibilitan os máis altos niveis de diálogo e entendemento.

O Consello contribúe a sentar as bases e as solucións para a necesaria convivencia social e laboral e contribúe, con foros como o de hoxe, ao fomento do coñecemento teórico e práctico da negociación colectiva.

Data de actualización: 17/11/2023