O avance na reurbanización da avenida Rodríguez de Viguri de Santiago fará necesario o corte de tráfico este sábado entre as glorietas da rúa Montes dos Postes e a da avenida do Camiño Francés

Aproveitarase a baixada da actividade laboral na contorna da Xunta para proceder ao aglomerado da calzada esquerda da rúa, sentido ascendente

A previsión inicial é continuar estas mesmas tarefas na calzada dereita a partir do luns, día 20, executándose nun dos dous carrís e deixando a circulación no que queda libre

A Xunta avanza na remodelación da avenida Rodríguez de Viguri, cun investimento de 1,6 M€, no marco da coordinación co proxecto da Cidade de San Caetano e tras optimizar a intervención prolongando o carril bici ata a zona das Cancelas

Esta ampliación, sumada ao itinerario entre O Milladoiro, a intermodal e San Caetano, completará unha conexión que incluirá o complexo administrativo, a zona de Área Central, o Multiusos do Sar e os hospitais

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

O avance nos traballos reurbanización da avenida de Rodríguez de Viguri fará necesario o corte de tráfico este sábado, nesta rúa de Santiago, no tramo comprendido entre a glorieta da rúa Monte dos Postes e a glorieta da avenida do Camiño Francés.

Trátase de executar os traballos de aglomerado na calzada aproveitando a baixada da actividade laboral na contorna da Xunta.

En concreto, este corte é necesario para realizar estes traballos na calzada esquerda da rúa Rodríguez de Viguri, sentido ascendente da rúa, dado que o ancho final da mesma non permite o cruzamento da máquina extendedora con vehículos terceiros na vía, particularmente autobuses. O desvío do tráfico estará debidamente sinalizado durante a intervención.

A previsión é que estes mesmos traballos teñan continuidade na calzada dereita a partir do luns, día 20, executándose nun dos dous carrís e deixando, neste caso, o tráfico polo que queda libre.

A Xunta segue avanzando na remodelación da avenida Rodríguez de Viguri, cun investimento de 1,6 M€, no marco da coordinación co proxecto da Cidade de San Caetano, e tras realizar algúns axustes que optimizan a intervención en marcha.

Así, estase a prolongae o carril bici ata a zona das Cancelas que, xunto co itinerario proxectado entre O Milladoiro, a estación intermodal e San Caetano, permitirá completar unha conexión que incluirá o complexo administrativo autonómico, Área Central, o Multiusos do Sar ou os hospitais.

Para unha mellor coordinación coas restantes actuacións, especialmente o novo edificio administrativo, cambiarase a configuración do carril bici. De xeito máis detallado, na beirarrúa de baixada, amplíase o espazo peonil e as bicicletas baixarán polo carril dereito.

Na beirarrúa de subida, mantense o carril bici unidireccional, que pasa a ser bidireccional desde a metade da rúa cara ás Cancelas. A mediana redúcese a 1 metro, para gañar espazo de beirarrúa nas dúas marxes.

Estes axustes permiten acadar unha liña de arborado na marxe de subida, pegada ao noiro das pistas deportivas.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa a traballar para avanzar nesta intervención coa previsión de poder rematar este mes, se as condicións meteorolóxicas o permiten, e abrir ao tráfico os carrís de circulación. Despois procederase á colocación do arboredo e das marquesiñas, de modo que a obra estará finalizada este ano.

Unha vez rematadas estas obras, acadarase a reorganización da avenida de Rodríguez de Viguri coa instalación dunha parada de intercambio modal con capacidade suficiente para dar cabida, polo menos, a cinco autobuses de liña regular ao mesmo tempo, tendo en conta que tamén se deberá dar servizo aos autobuses urbanos que conectan este punto co aeroporto e coa estación intermodal.

Esta intervención está incluída no marco de Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 como resposta da Unión Europea á Pandemia do COVID-19 e vinculada á obras dos dous primeiros módulos do edificio administrativo Cidade San Caetano.

Data de actualización: 17/11/2023