O conselleiro do Mar mantivo un intensa axenda de contactos na Bretaña francesa

Villares visita unha rede de integración profesional marítima e a unha empresa referente na produción de ostras en Saint Malo

O titular de Mar visitou o obradoiro da rede de integración profesional da asociación Pass´Emploi dentro dos proxectos de La Panier de la Mer no que se procesa peixe non comercializado con destino a organizacións de axuda alimentaria
 

Alfonso Villares desenvolve unha intensa axenda de contactos no marco da 51ª Asamblea Xeral da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) co obxectivo de establecer novas sinerxías entre Galicia e Bretaña 

Saint-Malo (Bretaña, Francia), 17 de novembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, desenvolve unha intensa axenda de contactos no marco da celebración da 51ª Asamblea Xeral da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), que cumpre o seu 50 aniversario, e que se está celebrar na localidade francesa de Saint Malo. Neste contexto o titular de Mar realizou unha visita ao obradoiro da rede de integración profesional xestionado pola asociación Pass´Emploi dentro dos proxectos de La Panier de la Mer.

Alfonso Villares coñeceu de primeira man a actividade desenvolvida neste centro no reciben formación 8 persoas en competencias básicas do oficio de fileteador traballando nos diferentes cortes de peixe así como técnicas de procesamento, envasado, embalaxe e o cumprimento das normas sanitarias e limpeza.

Este taller é un dos cinco postos en marcha pola entidade gala dedicada á loita contra o malgasto de alimentos, ao apoio ás persoas en desemprego e a subministrar peixe conxelado a organizacións de axuda alimentaria. Nestes espazos desenvólvense centros de formación marítimas nas que á vez que se forman a novos profesionais, transformase a materia prima procedente do excedente non comercializado nas lonxas redistribuíndo 200 toneladas de peixe ao ano en axuda alimentaria.

Visita a Scea Querrien

O conselleiro tamén realizou unha visita acompañado por un representante do Comité de Acuicultura de Bretaña-Norte -organización que agrupa aos produtores de mexillón, ostra e berberechos desta parte do país galo- á empresa local Scea Querrien dedicada desde 1945 á produción de ostras. Esta compañía, de marcado carácter familiar, conta xa coa cuarta xeración traballando nun dos produtos máis emblemáticos da Bretaña francesa. O responsable autonómico puido coñecer de primeira man as instalacións da firma e os detalles e particularidades do proceso de produción deste molusco nesta parte de Francia.

O responsable de Mar sinala co obxectivo destas visitas é intercambiar experiencias e atopar novas sinerxías entre o sector marítimo pesqueiro galego e bretón que permita poñer en común o coñecemento e bo facer así como valorar posibles liñas de colaboración en diferentes ámbitos de interese para ambas rexións. 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/11/2023