Trenor destaca o investimento da Xunta de case 600.000 € na comarca da Coruña para mellorar o seu potencial turístico

O delegado da Xunta visitou as actuacións de construción de pontes e sinalización na ruta dos muíños do río das Gándaras obxecto dunha axuda da orde de infraestruturas turísticas ao Concello de case 60.000 €

Vilasantar (A Coruña), 17 de novembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde Vilasantar, Fernando Pérez, supervisaron as obras de construción de pontes e sinalización da ruta dos muíños do río das Gándaras que foi obxecto dunha axuda de case 60.000 euros da orde de mellora das infraestruturas turísticas, dotada con 3 M€, que deixan nesta comarca outros 30.000 euros para a sinalización de recursos turísticos no Concello de Abegondo.

Esta orde procura a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

Trenor puxo en valor o gran esforzo que desde a Xunta de Galicia se está a realizar nesta comarca para mellorar o seu potencial turístico. Concretamente, a través das distintas liñas que abriu, este ano, Turismo de Galicia repartíronse en total 66 axudas por un importe total de case 600.000 euros de mellora das infraestruturas turísticas, embelecemento do litoral (tanto en establecementos como en concellos), promoción da dixitalización, festas de interese turístico, axudas a aloxamentos restaurantes e a promoción de Q de Calidade.

O  delegado territorial destacou que A Coruña ten todos os requisitos para lograr incrementar o peso do seu sector turístico na súa economía e na súa sociedade, polo que, mediante investimentos e subvencións como estas, a Xunta de Galicia traballa para facer desta comarca un destino turístico competitivo, sustentable e diferenciado a nivel global”.

Embelecemento do litoral para empresas

Na súa visita o delegado informou que nesta comarca tamén recibiu unha axuda a establecementos turísticos que estean situados en concellos do litoral galego para levar a cabo actuacións de embelecemento nos seus locais. Esta liña de axudas está enmarcada no Plan Litoral de Galicia que puxo en marcha a Xunta con 2.075.000 euros para toda Galicia de fondos Next Generation. Na comarca da Coruña recibiu este apoio as Cabañas de Canide de Oleiros

Os posibles beneficiarios eran os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos; así como restaurantes, cafeterías e bares. As axudas a establecementos turísticos dividíronse en dúas liñas de actuación subvencionables: tecnoloxías ambientais e mellora da fachada turística do litoral

Embelecemento do litoral para concellos

Neste sentido, o delegado da Xunta lembrou que, dentro do Plan Litoral de Galicia Turismo de Galicia tamén reservou 4,4 M€ para que os concellos galegos mellorasen e potenciasen o litoral galego actuando sobre os seus recursos naturais, patrimoniais e culturais con usos turísticos. As achegas dirixidas a concellos do litoral dividíronse en tres liñas: transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares, transición dixital dos recursos con potencial turístico e transición accesible.

Na comarca de Coruña  a Xunta de Galicia financiará con máis de 173.000 euros un total de 3 proxectos municipais de embelecemento do litoral en Miño, Oleiros e Arteixo. Esta convocatoria da Axencia de Turismo de Galicia ten por obxecto a rehabilitación de espazos singulares, a levar a cabo accións que contribúan a unha mellora da integración coa paisaxe, á mellora da fachada turística e a corrixir impactos paisaxísticos en zonas costeiras.

Trenor subliñou que “a Xunta considera unha prioridade a recuperación da fachada do litoral galego onde se localizan numerosas vilas e cidades, así como gran cantidade de infraestruturas en desuso. Desa necesidade de mellorar e potenciar o litoral, actuando sobre os seus recursos naturais, culturais e patrimoniais, nacen estas axudas”.

Dixitalización – Q Calidade

Trenor tamén puxo en valor que nesta comarca a Xunta outorgou 24 axudas para a promoción da dixitalización no sector turístico por un importe de máis de 145.000 euros. Os beneficiarios desta zona foron empresas de Betanzos, A Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada e Sobrado. Estes apoios teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico.

O delegado da Xunta subliñou, finalmente, que 22 establecementos da Coruña, Oleiros, Bergondo, Culleredo, Paderne e Sada e o Concello de Miño solicitaron subvencións para establecementos e servizos turísticos para a obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que tamén veñen de resolverse. O obxectivo fundamental desta resolución é impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias, para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española que considera o prestixio, a fiabilidade, a rigorosidade e a profesionalidade dos establecementos avaliados.

Festas interese turístico-Axudas aloxamentos restaurantes

O representante do Goberno autonómico lembrou tamén que tanto Sada como Betanzos recibiron este ano cada un 3.000 euros para a celebración de festas de interese turístico e finalmente 5 aloxamentos de Oza-Cesuras, Culleredo, Oleiros Vilarmaior e Arteixo e 4 restaurantes da Coruña e Culleredo recibiron 170.000 euros en total beneficiados pola orde de axudas dirixida a aloxamentos e restaurantes para mellorar as súas instalacións

Trenor rematou reiterando que con todas estas ordes Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e o desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade, dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023