A 3ª liga territorial de saltos Xogade 2023 chega a súa final fomentando nos máis pequenos valores como a resiliencia, a nobreza e o respecto

O secretario xeral para o Deporte destacou o exemplo da hípica que, dende 2009, case duplica as licencias federativas -contando hoxe con máis de 5.000- das que o 75% son femininas

Vigo, 17 de novembro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou da man da Federación Galega de Hípica a final da terceira edición da Liga Territorial de Saltos Xogade 2023 que terá lugar mañá sábado no Club Hípico Alazán en San Cosme tras viaxar polas outras cinco sedes da liga ao longo deste ano 2023: Club Hípico Cemar de Mondariz Balneario, Escola de Equitación La Muralla en Redondela, Club Hípico Equigalia en Tui, Club Hípico JC en Mos e Club Centro Ecuestre Atlántico en Santana (Pontecaldelas). Lete Lasa destacou a importancia de fomentar entre os máis pequenos valores como a resiliencia, a entrega e o traballo diario, pero tamén como a nobreza, o respecto e a empatía que nun deporte como a hípica son esenciais para que os nenos e as nenas aprendan a coidar e traballar en sintonía co seu cabalo.

O mandatario galego destacou o excelente estado de saúde do Xogade que no fin da campaña 2022/2023 acadou os máis de 135.000 nenos e nenas mutualizados, o número máis alto da historia e que representa a máis da metade de todos os escolares galegos de entre 6 e 16 anos -54,08%-. E, do mesmo xeito, agradeceu o traballo das 31 agrupacións deportivas escolares que fan posible a realización das actividades deportivas por toda a xeografía galega. 

O Xogade comezou no pasado mes de setembro a súa décimo quinta edición medrando, ademais de en participación, no número de federacións -xa son 39 tras a adhesión de baile deportivo e montañismo na tempada pasada- e na súa oferta -ao medrar ata as 17 modalidades deportivas ao estrear neste curso a modalidade inclusiva do voleibol sentado e a actividade de encontros multideportivos-. A igualdade conséguese no Xogade grazas á inclusión das persoas con diversidade, pero tamén en cuestión de xénero. A actividade deportiva escolar foi realizada na tempada 2022-2023 por un 53% de nenos e un 47% de nenas, tanto en participantes como en participacións.

O mandatario galego destacou de novo o exemplo da hípica que, dende 2009, case duplica as licencias federativas -contando hoxe con máis de 5.000- das que o 75% son femininas. Ademais lembrou que a hípica é “a única disciplina olímpica na que mulleres e homes compiten entre si sen distinción dos participantes polo seu sexo”.

As competicións da Liga de Saltos van dende unha xincana con ponis para os máis pequenos, acompañados en todo momento dos seus profesores, ata probas nacionais con obstáculos de ata 120 e 130 centímetros para os máis maiores e experimentados.

Data de actualización: 17/11/2023