A Xunta inviste 10,2 M€ para a posta en marcha de programas integrados de emprego en 30 entidades sen ánimo de lucro e 19 concellos

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade acaba de resolver a convocatoria de axudas desta iniciativa plurianual para 2023-2024

Cada acción contará con 100 participantes coa esixencia de que polo menos o 35% accedan ao mercado laboral durante a duración do proxecto

Impulsaranse proxectos innovadores, vencellados co territorio e que promovan medidas de conciliación

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade acaba de resolver a convocatoria de axudas para a posta en marcha de programas integrados de emprego (PIE) cun investimento que supera os 10,2 millóns de euros, o que permitirá o desenvolvemento destas actuacións enfocadas á inserción laboral das persoas sen emprego en 30 entidades sen ánimo de lucro e 19 concellos. A intención é que se poidan formar unhas 4.900 persoas desempregadas.

En cada un dos PIE tomarán parte 100 persoas desempregadas. Polo menos o 35% serán inseridas no mercado laboral durante a duración do proxecto, ben por conta allea (mínimo de 90 días de cotización en vida laboral a xornada completa ou 60 días a xornada parcial); por conta propia (iniciar no mesmo prazo ou nos 3 meses posteriores a esta formación unha actividade), ou como socios/as traballadores/as dunha cooperativa ou sociedade laboral por un tempo non menor de seis meses.

A Administración autonómica ofrece bolsas para incentivar a asistencia dos demandantes de emprego a estas accións que, na presente anualidade, elevan o seu importe dos 7 euros aos 10 euros por día. Tamén asume a Xunta de Galicia os custos salariais do persoal necesario para impartir os PIE, así como de desprazamento de dito persoal e gastos materiais e equipamentos técnicos, entre outros.

A Xunta fixa como destinatarias prioritarias dos programas, entre outros colectivos, as persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30, maiores de 45 anos, inmigrantes ou paradaos de longa duración.

A través desta nova convocatoria fomentáronse os proxectos innovadores que se caractericen pola utilización das novas tecnoloxías. Tamén as actividades que propuxeron medidas de conciliación e as vencelladas co territorio onde se imparten.

A actuación enmárcase no Plan galego de formación para o emprego ao que o Goberno autonómico destinará en 2024 un 12,9% máis de orzamento, ata chegar aos 117 millóns de euros, para converter Galicia nunha terra de oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2023