A conselleira de Política Social e Xuventude asinou hoxe en Génova (Italia) o convenio de adhesión de Costa Cruceros a estes dous programas

Fabiola García anuncia descontos en cruceiros para mozos e maiores a través do Carné Xove e do Carné +65

Os titulares destas dúas tarxetas poderán beneficiarse desta vantaxe tanto a través da páxina web da compañía como de calquera axencia de viaxes

Máis dun millón de galegos poderán acollerse a esta medida que non terá ningún custe para a Administración autonómica
 

Génova (Italia), 17 de novembro de 2023

A Xunta de Galicia adhire a Costa Cruceros ao Carné Xove e ao Carné +65 para facilitar que mozos e maiores coñezan novos lugares abordo dos seus barcos. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asinou hoxe co director xeral de ventas da compañía, Mirco Vassallo, a súa incorporación a estes dous programas en Génova (Italia).

Deste xeito, estas dúas tarxetas ofrecerán a máis dun millón de galegos descontos en calquera das viaxes de Costa Cruceros. A xente nova e os maiores poderán beneficiarse desta vantaxe tanto a través da páxina web da compañía como de calquera axencia de viaxes onde organicen a súa saída. Ademais, esta medida non terá ningún custe para o Goberno galego, será a propia compañía a que ofreza eses descontos aos usuarios galegos que posúan estes carnés.

Fabiola García agradeceu a Costa Cruceros a firma deste convenio, que fai posible que a aventura de ver mundo abordo dos seus barcos estea ao alcance de dúas xeracións e que fai de Galicia unha terra aínda máis viaxeira para grandes e pequenos.

Ademais, a conselleira enmarcou este acordo no desexo da Xunta de ofrecer a cada xeración de galegos a oportunidade de desfrutar ao máximo de cada etapa, viaxando e aproveitando o tempo libre. Para conseguilo, cóntase co Carné Xove e o Carné +65.

O primeiro deles ofrece a máis de 400.000 mozos de entre 12 e 30 anos descontos en librarías, cines, hoteis ou comercios de toda España, así como en 40 países europeos que participan no programa Carné Xove Europeo.

Pola súa banda, o Carné +65 é un novo programa que permitirá que máis de 700.000 persoas maiores da nosa comunidade poidan viaxar gratuitamente no transporte interurbano, acceder a un programa de viaxes que se promocionará o vindeiro ano ou ter descontos en balnearios e outros establecementos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023