A Xunta pon en valor os máis de 4,8 M€ repartidos este ano entre case 400 emprendedoras na visita en Guitiriz á promotora da marca de cosmética natural Siolaz

Guitiriz (Lugo), 19 de novembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez,  visitou en Guitiriz a Isolina Calvo, promotora da marca de cosmética natural Siolaz e beneficiaria das axudas de emprendemento feminino que convoca cada ano a Xunta de Galicia. Alí recordou que este programa se reeditará en 2024 para seguir apoiando iniciativas coma esta, tras distribuír neste 2023 máis de 4,8 millóns de euros en 362 axudas, grazas ás que se crearán ou consolidarán 800 empregos femininos.

A secretaria xeral puxo en valor a traxectoria de Isolina, con máis de trinta anos de experiencia primeiro traballando en salóns de peiteado, logo montando o seu propio salón de beleza e agora á fronte dunha marca de cosmética ecolóxica que se vende tanto en tenda online como en establecementos especializados. En concreto, recibiu unha axuda de 14.000 euros -na convocatoria do ano pasado- no marco da liña Activa do programa de emprendemento feminino, que busca favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2023