Máis de 300 universitarios recibirán formación da Xunta de Galicia en materia de sustentabilidade e responsabilidade social empresarial

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou no Campus de Lugo a xornada ‘Introdución á RSE para o estudantado universitario’

Puxo en valor que a nova Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025 estea a situar a Galicia á vangarda da promoción do novo paradigma laboral

A Xunta colabora coas tres universidades galegas para espertar a sensibilidade dos traballadores do futuro en cuestións de medioambientais, de gobernanza e de responsabilidade social

Lugo, 17 de novembro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe unha xornada de introdución á Responsabilidade Social Empresarial (RSE) celebrada no Campus de Lugo e dirixida ao estudantado. A iniciativa enmárcase na colaboración que a Xunta de Galicia mantén coas tres universidades públicas para impartir formación en materia de sustentabilidade e responsabilidade social e que supón unha aportación total este ano de 30.000 euros.

Tal e como indicou Elena Mancha, a Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) da Xunta de Galicia 2023-2025 recolle a necesidade de achegar coñecementos e experiencias empresariais sobre a sustentabilidade social e medioambiental ao alumnado galego dos graos relacionados cos estudos de economía. Este obxectivo cúmprese no  convenio asinado coas tres universidades públicas galegas para desenvolver formacións no regradas, como a de hoxe, a mozas e mozos e a outras persoas interesadas.

A Universidade de Santiago organizou esta xornada a través do Centro de Estudos da Empresa, un centro mixto que conta con participación da Xunta para desenvolver traballos de investigación, formación e difusión.

Elena Mancha indicou que máis de 300 alumnas e alumnos galegos van a recibir 1.500 horas de formación que “sen dúbida van espertar un maior interese na sustentabilidade empresarial e que no momento no que se incorporen ao mercado laboral incidirá nunha preocupación moito mais intensa por estas cuestións, que se poderá trasladar ás empresas nas que traballen no futuro”.

O Goberno está a incidir no traslado dos novos paradigmas laborais ás pequenas e medianas empresas a través da estratexia de RSE para os anos 2023, 2024 e 2025 que, con 174,7M€ de orzamento (quintuplica a dotación económica da anterior) quere preparar a Galicia para os retos da economía sustentable e dixitalizada.

Esta actuación pretende situar os valores e principios da responsabilidade social empresarial na axenda das empresas galegas como mecanismos para impulsar a súa competitividade, produtividade e crecemento.

A Estratexia comprende 25 accións enmarcadas no eido da empresa, a sociedade e a Administración pública. Pretende, entre outros fins, transformar os modelos de negocio das empresas para que teñan máis oportunidades na economía que vén; apoiar ás empresas para mellorar os seus sistemas de transparencia; e atraer e desenvolver talento favorecendo contornas de traballo inclusivas e con solucións innovadoras de impacto social e/ou ambiental.

Entre outras novidades, a Estratexia está a avogar pola formación e desenvolvemento de políticas de gasto e investimento para as empresas así como polas axudas directas a proxectos ou iniciativas que busquen o desenvolvemento de solucións sustentables con impacto social e/ou ambiental no territorio.

Con este documento a comunidade seguirá a situarse á vangarda da promoción da RSE entre o seu tecido asociativo, na administración e para o conxunto da sociedade, como continuidade do Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial 2012-2014, que converteu a Galicia en rexión europea pioneira.

Tamén seguirá a estela da Estratexia galega de RSE 2019-2021, que creou o ecosistema actual de apoio autonómico á RSE empresarial, que desde 2019, permitiu que máis de 250 pemes e persoas traballadoras autónomas se formasen nesta materia, e outorgou máis de 500 achegas en materia de igualdade, teletraballo, conciliación ou RSE.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023