O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu na Comisión 2ª do Parlamento

A Xunta avanza nos grandes eixes de comunicación, nas actuacións de mobilidade e na conservación das estradas para reforzar a seguridade viaria e a vertebración de Galicia

Menéndez subliña que a extensión da rede de vías de altas prestacións contribúe a reducir os tempos de viaxe, ao equilibrio territorial e a aumentar a seguridade viaria

Lembra que a Xunta puxo en servizo 214 novos km de vías de altas prestacións libres de peaxe, pasando de 313 km en 2009 a 527 km na actualidade, case un 70 % máis

Cita, entre outras, a autovía do Morrazo, en servizo; a de Tui-A Guarda, en execución; ou a de Nadela-Sarria, co 1º treito en servizo e avanzando o proxecto do 2º

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

A Xunta continúa avanzando nos grandes eixes de comunicación, nas actuacións de mobilidade e na conservación de estradas para reforzar a seguridade viaria e a vertebración de Galicia.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, puxo en valor hoxe na Comisión 2ª do Parlamento o traballo executado nos últimos anos e a planificación orientada a un obxectivo global de mellorar a mobilidade.

 

Subliñou que a extensión da rede de vías de altas prestacións constitúe un piar fundamental para reducir os tempos de viaxe, contribuír ao equilibrio territorial e aumentar a seguridade viaria.

 

Neste sentido, recordou que a Xunta puxo en servizo 214 novos quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe, pasando de 313 km en 2009 a 527 km na actualidade, un incremento de case o 70 %.

 

Destacou que o Goberno galego segue avanzando nas infraestruturas ao executalas por fases e vía orzamentaria. Citou como exemplos a autovía do Morrazo, que xa é unha realidade; a de Tui-A Guarda, en execución; e a de Nadela-Sarria, co primeiro treito en servizo e traballando no proxecto do segundo. Tamén se referiu á autovía AG-59, entre A Ramallosa e A Estrada, en construción.

 

Ademais da execución de novas infraestruturas, puxo o acento na conservación das estradas existentes. Para esta materia, os Orzamentos da Xunta de 2024 reservan partidas que suman máis de 53 M€.

 

Neste ámbito da conservación, remarcou o Plan de Reforzos de Firme, co que o Executivo autonómico mobilizou nos últimos 6 anos máis de 115 M€ en obras para mellorar a rodaxe das estradas da súa titularidade.

 

Co obxectivo de favorecer a mobilidade peonil e ciclista en condicións de maior seguridade, lembrou que se construíron máis de 250 quilómetros de novos itinerarios nas estradas autonómicas, no marco do Plan de Sendas, e indicou que agora se segue traballando para vertebrar as contornas metropolitanas.

Data de actualización: 17/11/2023