Tres obradoiros de Ribeira, Ourense e Ribadeo competirán polo premio Artesanía de Galicia 2023

Frouma Atlantic Wood (Ribeira), especializado en madeira; Logaro (Ourense), dedicado á calceta; e Raíces Nómadas Atelier (Ribadeo), que traballa co coiro, resultaron finalistas da categoría principal dos Premios Artesanía de Galicia 2023, impulsados pola Xunta

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, presidiu o xurado destos galardóns que buscan estimular a creatividade no sector da artesanía galega, recoñecer a súa mellora contínua e contribuír ao seu desenvolvemeto e ao relevo xeracional
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2023, presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, decidiu nomear tres finalistas da categoría principal da edición deste ano. Os seleccionados foron o obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira), que traballa con madeira reciclada, o obradoiro especializado en coiro Raíces Nómadas (Ribadeo) e o obradoiro dedicado á calceta Logaro (Ourense).

Os e as vogais que completaron o xurado foron Laura Fontenla, xefa do Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía; Laura Delgado, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2022; Juan Adrio Fondevila, director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela; Ramón M. Cabarcos, director da EASD Ramón Falcón; e Manuel González, membro de Oficioyarte e expresidente da Asociación Galega de Artesáns (AGA). A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

Despois das oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, as seguintes candidaturas (por orde alfabética):

Peza con lema Nasa, do obradoiro Raíces Nómadas Atelier (Ribadeo, Lugo), un bolso de man realizado en pel de curtido vexetal, que busca reinterpretar a través da marroquinería e do trenzado aquelas nasas antigas elaboradas con madeira e vimbios, nunha homenaxe á cultura marítima de Galicia.

Peza con lema Noray, do obradoiro Frouma Atlantic Wood (Ribeira, A Coruña), un pequeno moble auxiliar que pode ser unha banqueta, unha mesa ou unha lámpada, elaborado a partir de madeira de batea e inspirada nos norays ou morróns dos portos galegos que se u􀆟lizan para amarrar os cabos ao atracar os barcos.

Peza con lema Orixe, do obradoiro Logaro (Ourense), un xersei deseñado e elaborado con técnicas coma o gancho, o gorullo do tecido tradicional galego e a técnica nalbinding, vinculada á encadernación, e a partir do fío de la autóctona, da raza ovella galega, un material que permite conectar tamén pasado con presente e futuro.

Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar o relevo xeracional no sector. Constan de tres categorías –Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto– cuxos gañadores se darán a coñecer nun acto público que terá lugar en Santiago de Compostela no mes de decembro.

O Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9.000 euros, premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa. O Premio Traxectoria 2023, de carácter honorífico, recoñecerá a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía. 

E co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio, a Xunta de Galicia busca impulsar o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización, posto que está dirixido a artesáns que non superen os 40 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023