Román Rodríguez destaca o futuro prometedor do grao en deseño no marco do Campus CREA de Pontevedra

O conselleiro de Educación visita a Facultade de Deseño co reitor da UVigo e salienta a excelente acollida desta nova titulación, que cubriu neste primeiro curso as súas 45 prazas
 

Sinala “o acerto da UVigo na súa aposta por este grao, que entronca directamente cos valores do Campus da Creatividade que impulsa na cidade do Lérez”
 

Visita tamén o novo ximnasio da Facultade de Ciencias da Educación financiado pola Xunta, cunha nova sala de neuromusculación para afondar na investigación
 

Pontevedra, 17 de novembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez,  e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaron esta mañá a nova Facultade de Deseño da Universidade de Vigo, onde destacou o “futuro prometedor do Grao en Deseño no marco do Campus CREA”. “Esta nova titulación tivo unha gran acollida, cubrindo a totalidade das 45 prazas ofertadas”, salientou. Tamén participou na visita o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Neste sentido, Román Rodríguez sinalou “o acerto da UVigo na súa aposta por este grao, que entronca directamente cos valores do Campus da Creatividade que impulsa a UVigo na cidade do Lérez. Un proxecto que aposta por especializar as titulacións impartidas nesta cidade nas áreas relacionadas coa arte, a comunicación, a creatividade, o deporte...”, explicou.

“A Xunta traballa en permanente diálogo coas universidades galegas para construír unha oferta de titulacións adaptada aos tempos e, sobre todo, ás demandas socioeconómicas e do alumnado. A gran acollida desta titulación é unha boa noticia para todo o sistema universitaria”, indicou o conselleiro.

Investimento da Xunta

A sede provisional do Grao en Deseño atópase no Edificio Benito Corbal. O seu uso como tal foi posible ao abeiro das actuacións de mellora financiadas pola Xunta de Galicia, que permitiron acondicionar as instalacións para os seus novos usos, cun investimento de 190.000€ por parte do Goberno autonómico.

A Universidade de Vigo comezou a impartir este ano este grao, cun total de 45 prazas. A titulación amplía a oferta formativa superior en deseño no sistema universitario de Galicia e súmase en Pontevedra ao mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que se imparte na Facultade de Belas Artes.

 

Os contidos do novo grao agrúpanse en catro cursos académicos, dous comúns de formación básica e dous con optativas que orientan ao alumnado na súa especialización.

En concreto, conta con dúas mencións, unha en Deseño gráfico e dixital e a outra en Deseño de moda.

Nova sala de neuromusculación

Román Rodríguez visitou, tamén na cidade do Lérez, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde comprobou o resultado das obras de ampliación do ximnasio. O obxectivo da intervención é mellorar os espazos para a investigación centrada na Educación física.

Cun investimento de 331.000€ por parte da Xunta, o novo espazo conta cunha superficie de algo máis de 204m², na que se instalou unha nova sala de neuromusculación. Isto redunda nunha mellor dotación para os máis de 500 alumnos do grao de Ciencias da Actividade física e do Deporte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023