Aberto o prazo para participar no programa Xuntos polo Nadal dirixido a persoas maiores que pasan soas estas datas

Ofrécense 270 prazas repartidas entre as Residencias de Tempo Libre do Carballiño e de Panxón, en Nigrán, nas que se inclúe estadías en réxime de pensión completa e un amplo programa de actividades adaptadas a todos os gustos

As solicitudes poderán presentarse ata o próximo 8 de decembro e poderán realizarse de xeito online ou presentando a documentación necesaria nos rexistros da Administración autonómica

Poderán optar a estadías de quince días desde o 24 de decembro e ata o 7 de xaneiro, ambos os dous incluídos
 

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

A Xunta abriu o prazo para participar no programa Xuntos polo Nadal dirixido a maiores de 60 anos que viven sos e non teñen con quen pasar estas datas festivas. Esta nova edición ofrece 270 prazas totalmente gratuítas repartidas nas dúas Residencias de Tempo Libre (RTL) coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude: a do Carballiño e a de Panxón, en Nigrán.

O programa é totalmente gratuíto e inclúe estadías en réxime de pensión completa, actividades para todos os días e desprazamento en autobús desde as distintas cidades galegas. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 8 de decembro e poderá realizarse de xeito online a través do formulario da páxina web da Consellería de Política Social ou presentando a documentación necesaria en calquera dos lugares habilitados como rexistros da Administración autonómica.

Este ano as estadías serán de quince días, desde o 24 de decembro e ata o 7 de xaneiro ambos os dous incluídos. O programa de actividades é variado e está adaptado aos gustos e aos recursos tanto patrimoniais como culturais da zona. Inclúe propostas como actuacións musicais, sesións de cine, bailes, obradoiros, campionatos de cartas, excursións, sesións de risoterapia e de ximnasia entre outras moitas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023