Aberta a convocatoria de 4 M€ coa que a Xunta impulsa a rehabilitación de edificios senlleiros do Camiño de Santiago para crear establecementos turísticos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da liña de axudas que impulsa a rehabilitación sustentable para usos de aloxamento ou restauración

A orde de subvencións para pemes e grandes empresas diferencia dúas tipoloxías de proxectos, que poderán recibir desde o 15% ata o 80% do investimento previsto

Subvencionaranse, por unha banda, os que se fagan en infraestruturas emblemáticas do patrimonio arquitectónico e fomenten a competitividade e sustentabilidade

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria de axudas de 4M€ coa que a Xunta de Galicia impulsa a rehabilitación de edificios emblemáticos do Camiño de Santiago para crear establecementos de aloxamento ou restauración no marco do Plan Xacobeo Next Generation. Búscase fomentar o turismo sostible e cultural, o mantemento e rehabilitación do patrimonio senlleiro galego con fins turísticos, a dinamización do rural, a creación de emprego e a ampliación da oferta de aloxamento e restauración no Camiño de Santiago.

En concreto, apoiaranse dous tipos de proxectos: por unha parte diríxese a proxectos que fomenten a competitividade e sustentabilidade turística, rehabilitando os novos infraestruturas emblemáticas do patrimonio arquitectónico de Galicia tipificados no artigo 88 ao 91 da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que inclúen, por exemplo, bens propios da arquitectura defensiva como castelos, torres defensivas, cuarteis…; edificios relacionados co culto relixioso como mosteiros, conventos, colexiatas, ermitas…; construcción propias de enxeñaría histórica como faros, edificios portuarios, estacións, entre outras. Terán que contribuir á transición verde e creación de emprego na contorna do Camiño de Santiago.

Deberán cumplir como mínimo dous destes tres requisitos: crear polo menos cinco postos de traballo directos, crear vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto positivo no sector turístico e promover o turismo sustentable mediante a implantación de novas fórmulas de xestión como o uso de productos de proximidade ou ecolóxicos, implantanción de fórmulas de reciclaxe ou programas de actividades ou sensibilización medioambiental para os usuarios.

 

A convocatoria apoia, ademais, outra tipoloxía de proxectos nos que a creación do establecemento turístico debe ir aparellada neste caso á posta en valor e mellora ou rehabilitación dun Ben de Interese Cultural. Débese garantir que polo menos un 80% da capacidade temporal ou espacial anual do establecemento se destine a fins culturais, para o que se debe achegar un programa de actividades anual ou calendario co réxime de visitas apertura e peche ou, no seu caso, planos da infraestrutura e acreditación dos metros cadrados visitables ou de desenvolvemento de actividades culturais vinculadas a posta en valor do ben. Sempre se deberán respectar os requirimentos mínimos establecidos pola lexislación patrimonial e a restante normativa sectorial aplicable.

En concellos da Ruta xacobea

Estas subvencións comprenden tres tipos de axudas: a rehabilitación sustentable dos edificiós, a posta en marcha de medidas enerxéticas e mellora de accesibilidade.

No caso dos proxectos tractores de competitividade e sustentabilidade turística, poderase subvencionar unha contía máxima do 35%, 25% ou 15% do proxecto dependendo de se se trata dunha pequena, mediana ou gran empresa. No caso dos dinamizadores do turismo cultural, poderán optar a unha axuda máxima dun 80% dos custos subvencionables ata o límite máximo de 2,2M€ por proxecto

Os proxectos deberá ascender a unha contía mínima de 300.000 euros de investimento e soamente se admitirán os situados naqueles municipios onde transcorra o trazado do Camiño de Santiago. A liña de subvencións é de concorrencia non competitiva e o prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contados a partir de mañá 18 de novembro ata o 18 de marzo de 2024. Toda a información de prazos e procedementos está no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Plan Xacobeo Next Generation

Esta liña de subvencións enmárcase nos distintos proxectos que a Xunta de Galicia está  a impulsar cos fondos europeos que foron asignados á Comunidade galega co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. En concreto, forma parte do Plan Xacobeo Next Generation que, ademais desta liña de axudas, inclúe a sinalización da rede cicloturística Eurovelo, que está en execución ou o proxecto de revalorización da Ruta Traslatio, xa executada. Tamén inclúe a rehabilitación de 12 BIC do Camiño de Santiago, dos que a Xunta mobilizou xa máis do 80% destes fondos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/11/2023