A Xunta autoriza a prórroga do convenio do Plan de transporte metropolitano da área de Vigo para os 2 vindeiros anos cun investimento autonómico de 2,4 M€

Rueda asegura que deste xeito garántese a continuidade deste plan social que beneficia a “80.000 veciños” e que permite aforros de “ata 1.000 € ao ano”

Destaca que o Goberno galego continuará asumindo “os descontos do 80 % nos billetes interurbanos, ademais do 100 % dos transbordos” e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas

A Xunta asume tamén integramente as viaxes dos máis de 29.500 mozos de menos de 21 anos da área que se desprazan de balde coa tarxeta Xente Nova no autobús e nos barcos da ría

O presidente lamenta que o concello de Vigo non forme parte deste convenio o que impide desfrutar de maiores bonificacións aos usuarios
 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello autorizou hoxe prorrogar o convenio de colaboración con doce concellos da área de Vigo para o desenvolvemento conxunto do Plan de transporte metropolitano de Galicia nesta zona que ofrece “descontos de ata o 80% nos billetes interurbanos e inclúe transbordos gratis”.

Tal e como explicou, o Goberno galego vai destinar 2,4 millóns de euros durante 2024 e 2025 - preto de 1,2 millóns de euros- para financiar estes descontos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50 %. Os doce concellos que forman parte do convenio - Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior- farán unha achega conzxunta de 280.000 € ao ano.

Rueda fixo fincapé no feito de que entre os 12 concellos que conforman este área de transporte, na cal non está incluído o Concello de Vigo pola súa negativa a integrarse. Isto implica que un veciño dalgún dos municipios incluídos no Plan que vaia a traballar a diario a Vigo teñen que pagar o billete do autobús urbano da cidade. Isto non ocorre noutras cidades galegas, onde os usuarios desfrutan do transbordo gratuíto co autobús urbano que financia a Xunta, ao estar incorporado ese transporte urbano ao Plan de transporte metropolitano. Isto impide desfrutar de maiores bonificacións aos usuarios que si disfrutan os viaxeiros das outras áreas de transporte metropolitano como A Coruña ou Lugo.

O obxectivo da prórroga do convenio de colaboración aprobada hoxe é garantir a continuidade deste plan social en condicións similares ás que se aplican desde a súa posta en marcha en marzo de 2015. Nesta liña, Rueda resaltou que na actualidade “son máis de 80.000 veciños da área de Vigo” os que se benefician dos descontos deste Plan que lles permiten aforrar “ata 1.000 euros ao ano”.

O Plan de transporte metropolitano na área de Vigo ten incrementado en preto do 30 % o uso do transporte público, pese á pandemia da COVID-19, que supuxo restricións de mobilidade, e ten permitido a realización de 23 millóns de viaxes bonificadas.

En canto á modalidade de transporte, cómpre destacar que o transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e de Moaña representa case o 40 % do total de viaxes bonificadas e o autobús o 60 %.

Tarxeta Xente Nova

Ademáis, máis de 29.500 mozos de menos de 21 anos da área que xa viaxan de balde en autobús ou en barco coa tarxeta Xente Nova da Xunta. A culminación, no ano 2021, da extensión da tarxeta Xente Nova aos 313 concellos de Galicia, permite tamén que estes mozos poidan viaxar gratis por todo o territorio en calquera das 3.555 liñas de autobús da Xunta, así como nos barcos da ría.

Esta gratuidade no transporte público da Xunta estenderase o 1 de xaneiro do 2024 aos maiores de 65 anos, unha medida para a que os Orzamentos da Xunta de 2025 reservan unha partida de 5 M€.

O acordo autorizado hoxe polo Executivo autonómico renova e reforza a promoción do transporte público colectivo na área de Vigo, mentres se continúa traballando para seguir avanzando na implantación da Área de Transporte de Galicia e estender os beneficios das grandes áreas de transporte metropolitano ao conxunto do territorio.

A prórroga do convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro do 2024 por dous anos, ata o 31 de decembro de 2025. Non obstante, o convenio recolle a previsión de finalización no momento en que se produza a implantación da Área de Transporte de Galicia.

Área de Transporte de Galicia

A Área de Transporte de Galicia suporá a activación dunha mesma tarifa en toda a Comunidade, despenalizando os transbordos, incluídos os que impliquen o autobús urbano, que serán bonificados ao 100 % polo Executivo autonómico.

O Goberno galego, a través do Plan de transporte público e do transporte metropolitano continúa traballando para garantir a prestación de servizos eficaces e adaptados ás necesidades da xente, fomentando o seu uso en detrimento do vehículo particular, o que supón importantes aforros económicos para as familias e vantaxes sociais e medioambientais para os cidadáns.

 
 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/11/2023